SonRías Baixas recibe o premio á Mellor Estratexia de Comunicación e Marketing nos Iberian Festival Awards

O festival, organizado pola promotora pontevedresa PlayPlan, recibe por segunda ocasión un galardón dos IFA, logo do Premio á Excelencia 2020 a Jordi Lauren, codirector do evento, como personaxe máis relevante da industria dos festivais de España e Portugal

O festival pontevedrés SonRías Baixas, que este ano celebrará unha nova edición os días 4,5 e 6 de agosto en Bueu, suma un novo recoñecemento á súa traxectoria. O evento vén de ser galardoado nos Iberian Festival Awards co Premio á Mellor Estratexia de Comunicación e Marketing.

Os Iberian Festival Awards recoñecen o traballo e logros de promotoras, eventos, artistas e marcas que conforman a industria de festivais en España e Portugal. O galardón que suma este ano SonRías Baixas foi outorgado, en anteriores ocasións, a citas peninsulares como Dreambeach Festival (2020), Low Fest (2019), Sonorama Ribera (2018), Resurrection Fest (2017) e Primavera Sound (2016). Este Premio sitúa ao evento promovido pola promotora pontevedresa PlayPlan Cultural como unha das propostas máis relevantes do panorama musical estatal e portugués.

«A comunicación no SonRías Baixas é un dos eixes principais do festival e entendemos que, arredor da mesma, xira practicamente todo: a transmisión de medidas de seguridade, especialmente nestes dous últimos anos, a atención ao público, a escoita activa, ou a promoción de bandas emerxentes e consolidadas son partes da mesma», expoñen Jordi Lauren e Berta Domínguez, responsables da dirección do evento.

«O éxito do SonRías nestes últimos tempos non foi só a asistencia de público, senón tamén a capacidade de tecer rede e conectar con todas e cada unha das persoas asistentes coas medidas e estratexias de comunicación trazadas. Aplicamos políticas de igualdade, de sustentabilidade, de reciclaxe, alianzas con marcas e provedores ou difundimos o turismo do noso territorio», salientan Lauren e Domínguez, que sinalan que este «é un importante recoñecemento ao traballo de todo un equipo».

Os Iberian Festival Awards outorgáronse o pasado sábado, 26 de marzo, nunha gala celebrada no Auditorio Lispolis de Lisboa, no marco da celebración do Talkfest – International Music Festivals Forum. Este é o segundo galardón dos IFA que recibe SonRías Baixas, logo do Premio á Excelencia 2020 outorgado ao codirector do evento e xerente de PlayPlan Cultural, Jordi Lauren, como personaxe mais relevante da industria dos festivais en España e Portugal.

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.