Unha carreira popular e unha andaina contra o cancro tinguirán Lugo de verde o 30 de abril

A Asociación Española Contra o Cancro organiza unha nova edición de Lugo en marcha contra o cancro, co apoio da Vicepresidencia da Deputación

A presidenta da Asociación Española contra o Cancro en Lugo, María Luz Abella, e o deputado de Deportes, Efrén Castro, presentaron en Lugo en Marcha contra o Cancro, unha xornada lúdica e deportiva que incluirá unha carreira popular e unha andaina e que se celebrará o vindeiro 30 de abril na cidade.

A actividade, organizada pola Asociación en Lugo co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo,  pretende concienciar sobre a importancia dun estilo de vida saudable, baseado na alimentación adecuada e na actividade física, na prevención do cancro.

A presidenta da Asociación en Lugo María Luz Abella explicou que “pretendemos que sexa unha xornada lúdica, deportiva, educativa, saudable e, sobre todo, solidaria porque contribuirá a continuar cos proxectos que temos en marcha, tanto a axuda social e psicolóxica, como a investigación”.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, valorou “a contribución de probas populares a asentar hábitos de vida saudables xa que invitan a desfrutar do tempo de lecer facendo actividade física” e animou a veciñanza de Lugo e a persoas do resto das comarcas “a participar da iniciativa, que ademais do contido deportivo e lúdico ten un fin solidario”.

A presentación, no Pazo de San Marcos, contou tamén coa presenza de Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación e Lugo e concelleira de Cultura de Lugo, de Mauricio Repetto, concelleiro de Xuventude e Deportes de Lugo, e de  María José Gómez, xefa do Servizo de Coordinación Cultural da Xunta de Galiza, que tamén colaboran coa organización.

Desde a Asociación destacan a importancia do apoio destas institucións, que contribúen activamente a acadar os obxectivos do evento, como son a promoción da saúde e a recadación de fondos para a loita contra o cancro.

Participación e inscricións

A carreira ofrece diferentes percorridos en función da idade, cunha proba absoluta e outras para as categorías de menores. A andaina, polo adarve da muralla, está aberta a toda a poboación. O evento, que comezará as 19.00 horas, terá o punto de inicio e chegada na Praza da Horta do Seminario.

As inscricións para participar na carreira ou na andaina pódense facer en liña, en www.lugocontraocancro.es, e presencialmente, na Sede Provincial da Asociación en  Lugo, rúa Carril dos Loureiros, 17, onde tamén se levará a cabo a recollida de dorsais os días 29 e 30 do mesmo mes.

Os prezos destas inscricións variarán en función da categoría e da proba:

– Milla categorías menores: 4€ (nados a partir do 2006) e 2€ pitufos (nados a partir do 2015).

– Milla categoría absoluta: 7€.

– Andaina: 4€ menores (nados a partir do 2006) e 6€ adultos.

– Milla e andaina o 30 de abril: 5€ menores (nados a partir de 2006) e 10€ adultos.

Dorsal solidario

Para quen non poida, ou non queira participar, pero si desexe colaborar coa Asociación Española Contra o Cancro, estará dispoñible a opción de mercar un dorsal 0 como inscrición solidaria. O diñeiro recadado destinarase a proxectos asistenciais e de prevención que desenvolve a entidade e investigación oncolóxica.

Segundo os datos recollidos polo Observatorio da Asociación Española Contra o Cancro, no ano 2021, foron diagnosticadas desta enfermidade 285.350 persoas en España e 2.702 na provincia de Lugo, territorio que amosa unha incidencia, prevalencia e mortalidade superior á media nacional. Estímase que en 1 de cada 3 mulleres e 1 de cada 2 homes terá cancro ao longo da súa vida, acadando os 21,6 millóns de casos novos en 2030.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.