Usuarios da residencia de maiores das Gándaras comparten actividades de lecer con cans adestrados

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou o desenvolvemento dunha das sesións na que participaron persoas en situación de dependencia

A Consellería de Política Social desenvolve na Residencia de Maiores das Gándaras unha actividade de ocio na que os usuarios poden interactuar con cans adestrados. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe  á terceira sesión programada, a última dirixida a persoas en situación de dependencia.

Da man da adestradora, o animal responde ao grao de proximidade que se lle reclama en cada caso; a asistencia é voluntaria e trabállase con grupos reducidos, de entre 15 e  20 residentes, para que todos poidan desfrutar do seu achegamento, xogar co can e mesmo peitealo ou darlle de comer. O 13 de abril celebrarase a cuarta e última xornada, neste caso para usuarios con autonomía funcional, na zona axardinada do exterior da residencia.

O obxectivo é “ofrecer un contacto que moitos residentes botan en falta, porque tiñan can na casa ou ben preto dela, e procurar unha xornada diferente, un estímulo distinto para interactuar e socializar dentro da residencia”, afirmou Arias.

Esta actividade forma parte do programa Lecer Activo, que oferta aos maiores e ás persoas con discapacidade dos centros residenciais da Xunta unha serie de iniciativas de ocio e tempo libre para axudar a manter un nivel axeitado de benestar persoal e social en termos físicos, emocionais e psicosociais.

Así, na residencia das Gándaras hai actividades fixas, como traballos manuais ou ximnasia, que se complementan con outras citas puntuais, dende excursións ata espectáculos musicais ou de maxia, entre outros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.