Vilalba Aberta seguirá a facer presión ao respecto da necesidade de reverter os recortes de servizos no Centro de Saúde

Logo de sacar adiante unha iniciativa no Pleno que, a pesares do voto en contra do PP, obrigou ao Concello de Vilalba a instar á Xunta ao reforzamento da Atención Primaria no municipio; a formación municipalista ven de anunciar que lle dará continuidade ás accións reivindicativas iniciadas en Febreiro coincidindo coa tradicional feira.

“Denunciamos que non se cubran as baixas por xubilación; que dende Xuño haxa veciños/as sen médico de tarde; as esperas de ata 15 días para unha cita presencial ou telefónica e que os 2 cupos de pediatría estean sendo cubertos por médicos de familia”, explicou o seu voceiro municipal, Modesto Renda.

Así, lembrou que “ao desmantelamento dunha atención especializada” como a dos servizos de oftalmoloxía ou reumatoloxía, se lle sume o feito de que “dende hai tres anos non haxa servizo de oculista.”

Unha opinión compartida pola súa compañeira e responsable de organización de VA, Mónica González, quen contextualizou os recortes no feito de que o Centro de Saúde de Vilalba conte con 11 cupos de profesionais de medicina de familia e comunitaria dos que “só están sendo cubertos 8.”

“A actual situación obriga a redistribuír os 3 cupos sen cubrir de pacientes, cun resultado de máis de 1.700 pacientes por profesional”, censurou González.

Así, denunciou que “en plena sexta onda da maior pandemia sanitaria que coñecemos”, o investimento en Atención Primaria aínda “sexa máis baixo que no ano 2020, 2 millóns de euros menos; 47 millóns de euros menos que no 2009.”

“Estamos á cola de todo o Estado (tan só o 12% do orzamento) máis de dous puntos menos que a media. Un tanto por cento que nin moito menos se aproxima ao 25% que aconsellan todos os estudos”, explicou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.