A Asociación de Concellos do Camiño Inglés e Visit County Durham estudan accións para aumentar a visita de peregrinos da Inglaterra

Ambas entidades achegaron posicións durante a viaxe institucional a Inglaterra realizada o mes pasado por representantes da Asociación e da Deputación da Coruña

A visita realizada o pasado mes de marzo a Durham por unha delegación da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e da Deputación da Coruña continúa a dar os seus froitos un mes despois. Esta delegación, encabezada pola xerente da Asociación, Cristina García Souto, e polo deputado provincial Antonio Leira, mantivo unha reunión de traballo con Michelle Gorman, directora xerente de Visit County Durham, e Graig Wilson, director de marketing e desenvolvemento turístico.

Unha reunión na que ambas entidades puxeron en común o que estaban facendo nos seus respectivos territorios e na que acordaron manter o contacto de cara a planificar accións futuras. “Así, Visit County Durham e Norhern Saints Trails confirmáronos que van colocar na Inglaterra seis paneis informativos sobre o que é o Camiño Inglés en Galicia e nós temos a intención de facer o mesmo aquí”, explica Cristina García, quen engade que “tamén pensamos editar unha guía ou folleto do inicio do Camiño Inglés na Inglaterra para sumalo ao resto das etapas actuais, dende A Coruña e Ferrol”.

O obxectivo de ambas entidades é promover o coñecemento desta ruta xacobea tanto en Galicia como na Inglaterra, así como facilitar o intercambio de peregrinos entre ambos países: que haxa españoles que desexen iniciar o Camiño Inglés na abadía de Finchale e que haxa ingleses que crucen o mar e continúen a súa peregrinación ata Compostela. De feito, dende Visit County Durham amósanse moi satisfeitos por este primeiro acordo que “contempla o intercambio das mellores prácticas entre Visit County Durham, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña en marketing turístico, promoción e mellora do Camiño Inglés, Northen Saints Trails e outras rutas de peregrinación, creando maiores beneficios económicos tanto para Galicia como para o condado de Durham”.

Neste sentido, Cristina García salienta que “se trata dun primeiro paso pero penso que pode ser moi produtivo, porque estamos empezando a traballar xuntos e podemos complementarnos moi ben á hora de traer e levar xente de Inglaterra a Galicia e de Galicia a Inglaterra, enriquecendo aínda máis a experiencia do Camiño Inglés”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.