A C10 máis solidaria vólcase con Ucraína e roza o récord da proba

A keniata Selah Burienei quedouse a catro segundos da mellor marca da proba e fixo o 16º mellor tempo mundial do ano. O etíope Melaku Aregu gañou na categoría masculina

A Coruña acolleu este domingo a edición número 16 da carreira C10. Esta proba de 10 quilómetros é un dos clásicos das carreiras populares da cidade e este ano estreou un percorrido que pasou polas dúas fachadas marítimas da cidade e atravesou os peiraos, como está sendo habitual nos últimos eventos celebrados. Foi a segunda C10 tras o regreso destas competicións á cidade tras a pandemia.

Esta mañá de domingo viviuse un gran ambiente no Parrote, punto de encontro desta proba. Na categoría feminina, gañou a keniata Selah Jepleting Busienei, cun tempo de 31:44 minutos, a tan só catro segundos do récord da proba. Trátase da 16ª mellor marca mundial deste 2022 nunha proba de 10 quilómetros. O segundo posto foi para Chenet Misganaw Takele e o terceiro para Solange Pereira. O gañador da categoría absoluta masculina foi o etíope Melaku Birhan Aregu, cun tempo de 29:04 minutos. O segundo posto foi para Javier Guerra e o terceiro para Alejandro Fernández.

A alcaldesa Inés Rey foi unha das encargadas de entregar os premios desta C10, na que participaron varias persoas refuxiadas ucraínas, que foron invitadas polo Concello da Coruña. Tras o acto, leuse un manifesto en apoio ao pobo ucraíno e interpretouse o seu himno. A C10, organizada polo Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo, repartiu un total de 9.700 euros en premios. Inés Rey tamén deu a saída de varias das probas das categorías inferiores.

A C10 atópase entre as mellores probas de 10 quilómetros de España e consolídase cun percorrido máis plano e rápido, que conecta as dúas contornas mariñas da cidade, a baía do Orzán e a zona portuaria. O obxectivo desta ruta foi procurar a mellor orografía de ambas as zonas e que a carreira atravesase algúns dos puntos máis emblemáticos da Coruña, facilitando ao mesmo tempo a visibilidade para o público. O percorrido atravesou tamén parte das instalacións dos peiraos, que proximamente quedarán abertas á cidadanía.

Esta zona é idónea para este tipo de probas pola súa planimetría. A saída e a meta estiveron instaladas no paseo do Parrote, onde se celebraron as competicións de menores tras a proba absoluta.

Solidariedade con Ucraína

Esta C10 foi especial polo apoio que amosaron os corredores e as corredoras ao pobo ucraína. As camisetas oficiais da proba contaban coas cores da bandeira de Ucraína e a palabra “paz”. Ademais, despois das distintas probas celebrouse unha sesión de zumba solidaria no Parrote que estivo aberta a toda a cidadanía e na que se puideron facer doazóns. Ademais, tamén estivo dispoñible durante as últimas semanas a posibilidade de facer achegas a través do dorsal 0. Toda a recadación foi destinada á asociación AGA-Ucraína, que utilizará os fondos para mercar material sanitario de gran necesidade en Ucraína.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.