A Deputación da Coruña, primeira administración de Galicia que paga axudas directas aos sectores máis afectados pola alza dos combustibles

Recibidas máis de 4.500 solicitudes en 24 horas que esgotan os 5 millóns de crédito dispoñible

A Deputación da Coruña será a primeira administración de Galicia que pague axudas directas a tres sectores estratéxicos da provincia especialmente afectados pola alza dos combustibles: o agrogandeiro, o pesqueiro e o do transporte de mercadorías por estrada.

Apenas 24 horas despois da apertura oficial do prazo de solicitudes, que comezou onte xoves ás 9 da mañá, máis de 4.500 pequenas empresas e profesionais autónomos destes sectores solicitaron as axudas deste programa provincial, esgotando o crédito dispoñible de 5 millóns de euros en menos de un día.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, considerou que a elevadísima demanda de solicitudes rexistrada en apenas unhas horas “demostra a necesidade e a urxencia de articular plans de axudas desde as administracións públicas para apoiar aos sectores que máis están sufrindo as graves consecuencias económicas da guerra de Ucraína”.

Neste sentido, sostivo que “como xa fixemos durante a pandemia coas axudas á hostalaría, a Deputación cumpre o compromiso de apoiar aos sectores máis afectados e faino ademáis de forma áxil e eficaz, pagando as primeiras axudas nun tempo récord”.

Formoso instou á Xunta de Galicia, que conta cun orzamento de 13.000 millóns de euros fronte aos 180 da Deputación, a activar de forma inmediata os programas de axudas comprometidos, que aínda non se publicaron no Diario Oficial de Galicia. “Gustaríanos que o resto das administracións seguiran na senda que hoxe marcamos na Deputación da Coruña de estar ao carón dos sectores que máis o necesitan”, afirmou.

A maioría das solicitudes proveñen do sector do transporte de mercadorías, cun 38,2 % do total, seguido do sector gandeiro (27,8%), o agrícola (18%) e o pesqueiro (6%).

O 63,6 % das solicitudes foron presentados por profesionais autónomos, mentres que o 36,4% restante proveñen de pequenas empresas con actividade profesional nestes sectores.

Nestas primeiras 24 horas, a Deputación abonou xa máis de 300 axudas de 3.000 euros, por un importante cercano ao millón de euros. A previsión é poder aboar o resto das axudas en cuestión de días.

Este programa urxente de 5 millóns de euros súmase ás axudas para pemes, autónomos e emprendedores do Plan de Emprego Local (PEL-2022), destinadas a todos os sectores, que este ano contan cun orzamento de 7,2 millóns de euros e cuxo prazo de solicitudes está aberto ata o 11 de maio. Inclúen axudas á contratación de persoal, ao investimento e para subvencionar as cuotas de autónomos á Seguridade Social.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.