A feira de artesanía “Vilalba feita a man” propón obradoiros e actividades relacionadas coa música e o baile tradicionais

A feira celébrase os próximos 7 e 8 de maio, na súa primeira edición tras a pandemia

O Concello de Vilalba anuncia a súa feira de artesanía “Vilalba feita a man”, que se celebrará a próxima fin de semana, nos días 7 e 8 de maio. Unha cita que se retoma tras o parón provocado pola pandemia.

O principal atractivo desta feira son as casetas de artesanía, que estarán abertas o sábado de 11:00 a 21:00 e o domingo de 10:00 a 15:00 na Praza da Constitución. Este ano, o Concello de Vilalba fixo unha coidada escolma entre os postos de artesanía que se instalarán, co obxectivo de que sexan o máis orixinais e axeitados posible.

Os visitantes poderán visitar postos con diferentes produtos, como coiro, fío, tea, madeira, entre outros tipos. Tamén contarán coa presenza de artesáns locais, co obxectivo de promocionar o comercio local.

“Nesta edición intentamos renovar a proposta da feira, para que os visitantes poidan atopar actividades distintas ás de outros anos. Así, a Feira de Artesanía de 2022 estará enfocada á música e ao baile tradicional, unha disciplina cunha gran afección na nosa vila”, explica Antía Rama, concelleira de Feiras e Mercados.

Obradoiros, concertos e pasarrúas

Deste modo, programáronse diferentes actividades relacionadas coa música e o baile. A programación dará comezo o sábado 7 de maio, coa apertura da feira ás 11:00 e co pasarrúas a cargo de A.C Andrade ás 11:30.

Esa mesma tarde, ás 17:00 organízase un obradoiro de baile tradicional, baixo o título “Bailes, xogos e algo de muiñeira”. A actividade, dirixida ás familias, está a cargo de Montse Rivera, da agrupación Leilía. O obradoiro acolle participantes de todas as idades e os menores de 6 anos deben estar acompañados dun adulto. O obxectivo da proposta é achegar o baile tradicional a persoas principiantes así como á infancia.

A continuación, Montse Rivera ofrecerá ás 18:00 un obradoiro de baile tradicional de perfeccionamento, baixo o título “Como bailar nun serán ou foliada: as regras non escritas”. Terá unha duración de 90 minutos e poderán participar persoas a partir de 10 anos e con coñecementos de baile. As prazas nestes dous obradoiros de baile asignaranse por orde de chegada ata completar as prazas dispoñibles.

Ademais, durante todo o día realizarase un obradoiro de xoguetes sonoros a cargo de Xaneco. As persoas interesadas poderán achegarse en calquera momento para participar na actividade.  A xornada do sábado péchase co concerto de Vacas na Praza da Constitución, que será ás 20:00 con entrada libre.

O domingo, xornada na que a feira estará aberta de 11:00 a 15:00, realizarase un pasarrúas a cargo da A.d.C. Cerna de Árbol ás 12:00. A continuación, ás 13:00, Brúa ofrecerá un concerto na Praza da Constitución.

Demostracións de arte, instrumentos e tecido en tear

Ademais, durante toda a feira, os artistas Clara Naseiro e José Gómez de Bernardo (Pepón) realizarán unha escultura en madeira e pedra que renderá homenaxe á música e o baile tradicional.

Alén do obradoiro que propón o sábado, Xaneco Tubío fará unha demostración do oficio de luthier, expoñendo a zanfona e outros instrumentos elaborados no obradoiro.

Xosé Piñeiro, de Instrumentos Nebra, ofrecerá unha demostración da construción gaitas. Pola súa banda, as mulleres de Insua mostrarán aos asistentes o tecido en tear, na mostra “Baixo Lizo”. Por último, o IES Cha ofrecerá unha exposición de fotografías sobre a Tradición Musical en Vilalba.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.