A mellora da estrada entre Bos Aires e O Pereiro, na Laracha, entra na última fase

Xa están en marcha os traballos de pavimentación e as obras concluirán coa correspondente sinalización horizontal e vertical

Os traballos de pavimentación da estrada que comunica Bos Aires con O Pereiro poñen de manifesto que a execución do proxecto entrou na súa fase final. Unha vez completada esta parte das obras soamente restará o acondicionamento dos arcéns e o correspondente sinalización horizontal e vertical para dar por concluídas as obras que está a desenvolver a empresa Construcciones López Cao.

Grazas a esta obra a plataforma da calzada amplíase en seis metros máis ata alcanzar os 10,60 metros. Nese espazo -que nestes momentos está a ser pavimentado- habilitaranse carrís para cada sentido de circulación, senda peonil diferenciada e separada do ámbito para os vehículos, espazo de aparcamento nunha das marxes e arcén. En total a superficie afectada é de 8.140 metros cadrados.

Durante as semanas previas, nas fases iniciais da execución do proxecto leváranse a cabo o movemento de terra, a explanación do terreo, as canalizacións soterradas dos diferentes servizos e a renovación das tubaxes das redes de abastecemento e recollida de pluviais.

Esta intervención está incluída no Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo, xa que facilitará os accesos ao colexio tanto para os autobuses do transporte escolar como para os vehículos particulares e as persoas que acoden ao centro a pé, mellorándose ao mesmo tempo as comunicacións desde esa zona cara outros puntos próximos da parroquia de Vilaño como son o castro de Montes Claros ou a praza da Areosa, na que se sitúan a igrexa de Santiago e o centro sociocultural. O orzamento alcanza os 243.000 euros e finánciase integramente con fondos propios municipais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.