A RAG estrea a serie web documental das Letras Galegas 2022 (Vídeo)

O primeiro dos cinco capítulos de ‘Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda’ pode verse dende hoxe en academia.gal e a canle de Youtube da RAG

«Meu Córgomo de Valdeorras», o verso co que arrinca un dos poemas do protagonista do Día das Letras Galegas 2022 dedicado á súa vila natal, dálle título ao episodio de presentación da serie web documental que a Real Academia Galega está a producir sobre o poeta natural de Vilamartín de Valdeorras. O primeiro dos cinco capítulos de Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda pode verse dende hoxe na páxina web da Real Academia Galega e na canle de Youtube da institución, que estreará un novo episodio cada xoves, tras a Semana Santa e ata a semana previa ao 17 de maio.

«Con este relato audiovisual a Academia pretende achegar a todo o público unha figura destacada do labor literario e do activismo cultural da diáspora coa que trasladamos, por primeira vez dende 1963, o Día das Letras Galegas ás terras valdeorresas e mais ao exilio mexicano», salienta o presidente da institución, Víctor F. Freixanes.

Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda é un proxecto da Real Academia Galega desenvolvido pola produtora Miramemira e a guionista María Yáñez, o mesmo tándem que o ano pasado asinou Xela Arias. A palabra esgazada, a primeira serie documental da institución, que chegou a ser finalista nos XX Premios Mestre Mateo na categoría de mellor serie web. «Con esta proposta a RAG confirma ademais a súa aposta pola expresión audiovisual e as novas voces creadoras», engade o presidente. A serie conta co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación.

«Os cinco capítulos trazan un percorrido pola traxectoria de Florencio Delgado Gurriarán deténdose nos diversos aspectos que compoñen o seu perfil, marcado polas inquedanzas literarias, lingüísticas e políticas, e mais por un forte amor a Galicia, de maneira especial, por Valdeorras, a terra que o viu nacer no ano 1903», resume María Yáñez. A comarca ourensá é o escenario do primeiro capítulo, centrado na faciana máis persoal de Florencio e na súa relación particular coa súa vila natal, Córgomo. «Os seus familiares retrátano como unha persoa moi sensible e comprometida pero tamén moi alegre, que gustaba do canto, do baile e do viño. A propia familia Delgado Gurriarán dedicábase á viticultura, actividade fundamental nesta comarca, e a outros labores agrícolas», lembra a guionista sobre o poeta que titulou o seu primeiro poemario Bebedeira (1934).

Valdeorras volverá ter un protagonismo especial no último capítulo, que versará sobre a significación especial da lingua galega na obra de Florencio e a súa relación coa comarca. O peche desta narración audiovisual afondará tanto na lingua que empregou, rica en trazos propios da zona, como nos versos que escribiu de marcada crítica sociolingüística.

O capítulo 2 aborda a entrada en contacto de Florencio Delgado Gurriarán co galeguismo, a súa implicación política durante a República e o seu periplo por España, Portugal e Francia durante a guerra civil antes de se exiliar á outra beira do Atlántico. O capítulo 3 céntrase no exilio en México, onde foi un comprometido activista cultural e membro destacado de iniciativas como as revistas Vieiros e Saudade; e o capítulo 4 mergulla o público na voz poética do autor, que lle cantou ao amor, ao erotismo e ás cepeiras pero que tamén cultivou poesía de combate e sátira política.

Voces diversas

O primeiro episodio conta coa intervención do historiador e biógrafo do autor Ricardo Gurriarán; Elva e Teresa Delgado e Lucio Santalla, tamén familiares do poeta; Débora Álvarez Moldes, directora do proxecto As Letras de Florencio; Margarida Pizcueta, filóloga e concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras; e o presidente da RAG. Nos vindeiros capítulos a narración da historia de Florencio Delgado Gurriarán seguirá a trazarse coas palabras da cineasta Margarita Ledo, o historiador Ramón Villares, o filólogo Xesús Alonso Montero, e o director do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, entre outras voces.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.