A Valedora do Pobo pide que se facilite á veciñanza a tradución dos documentos que Bay Wa redactou en inglés no proxecto eólico entre Celanova e Verea

A Valedora subliña que a información sometida a información pública debe ser comprensíbel para os seus destinatarios.

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, insta á Xunta de Galiza a traducir os documentos presentados en inglés pola promotora do P.E. Monte da Neve, que afecta a Celanova e Verea, para garantir a participación pública como «elemento fundamental na avaliación ambiental» e en aplicación da Lei básica 21/2013 de 9 de decembro.

A Valedora resolve así unha queixa tramitada pola Mesa pola Normalización Lingüística a petición da plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA o pasado mes de decembro, na que se alertaba a respecto do uso dunha lingua NON OFICIAL na Galiza no anexo número 14 ao Estudo de Impacto Ambiental nas solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Monte da Neve (expediente IN408A 2020/102).

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA agradece á Mesa e á Valedora do Pobo a súa dilixencia e sensibilidade para poñer freo ás prácticas das empresas promotoras, consentidas pola Administración autonómica, de poñer obstáculos á participación cidadá no proceso de avaliación de infraestruturas con impactos severos á paisaxe, ao patrimonio e ao medio natural, alén dos riscos evidentes e minimizados nos informes da parte empresarial que para a saúde da veciñanza ten en concreto este proxecto industrial.

«Tendo en conta que a documentación sometida a información ambiental no só debe ter a máxima difusión senón que debe ser comprensible para os seus destinatarios, o órgano substantivo, ou no seu caso, o órgano ambiental, deben incorporar esta información de xeito útil para o seu íntegro coñecemento aos efectos da información pública, optando por indicar en que páxinas do proxecto está integramente incorporada a tradución dos anexos en outras linguas non oficiais ou ben por publicar eses documentos traducidos a ambas linguas oficiais da comunidade autónoma», di a Valedora do Pobo, nun escrito dirixido á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía en Ourense.

O escrito da Valedora ten data do pasado 18 e lémbralle á Xunta de Galiza que os órganos administrativos competentes na tramitación dos expedientes deste tipo de instalacións teñen a obriga de adoptar as medidas necesarias para garantir que a documentación que deba someterse a información pública «no só debe ter a máxima difusión senón que debe ser comprensible para os seus destinatarios».

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA tamén alertou, o luns 27 de decembro de 2021, mediante un escrito rexistrado no Concello de Celanova e dirixido á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, advertindo do uso dun idioma NON OFICIAL na Galiza na documentación que se somete a información pública no proxecto de central eólica Monte da Neve.

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA recorda que os obstáculos á participación pública neste procedementos xa foron denunciados no recente informe do Consello da Cultura Galega sobre a invasión eólica. E tamén, que a través da plataforma EÓLICA ASÍ NON, esta denuncia presentarase tamén diante da Comisión Europea.

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.