A Xunta dota a Ribeira de Piquín dun caixeiro automático

A nova instalación está situada no exterior do centro de saúde

A Xunta de Galicia vén de dotar ao concello de Ribeira de Piquín dun caixeiro automático que entrará en funcionamento a partir de mañá.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou o novo servizo, situado no exterior do centro médico. Salientou que se trata do primeiro caixeiro automático co que conta o municipio e que grazas á súa instalación os veciños e veciñas poderán efectuar xestións ordinarias como a retirada e ingreso de cartos en metálico, a actualización das libretas bancarias ou o pagamento de recibos sen ter que desprazarse a outras localidades. Na visita estivo tamén o responsable de Institucional de Abanca en Lugo, Óscar Rodríguez.

Ademais, ponse á disposición dos usuarios un servizo de asistencia financeira para solucionar calquera dúbida e contratar produtos coma nunha oficina bancaria convencional. Tamén se oferta formación sobre banca electrónica que permita adquirir nocións básicas e aprender a realizar xestións a través das novas tecnoloxías.

Arias apuntou que nestas semanas irase ampliando a instalación de caixeiros a cada un dos 36 concellos galegos que se adheriron ao acordo entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Na provincia de Lugo tamén se sumaron ao convenio Samos e O Páramo. No caso deste último, xa ten operativos os novos servizos.

O delegado afirmou que o financiamento corre a cargo da Xunta, polo que as entidades locais non teñen que facer ningunha achega económica e só deberán ceder e acondicionar os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación dos servizos de asesoramento financeiro e formación.

A medida vai dirixida principalmente a concellos nos que non hai ningunha entidade de crédito, pero tamén poden acollerse aqueles municipios con dificultades para acceder a servizos financeiros, co fin de achegar este recurso a toda a poboación do rural.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.