As centrais de gas das Pontes e Sabón xa están entre as cinco industrias galegas con maior impacto climático

Alcoa e a central de ciclo combinado a gas fósil das Pontes foron as industrias máis prexudiciais para o clima en 2021

O gas substituíu parcialmente o carbón na xeración eléctrica en Galicia durante os últimos anos. Isto fixo que a central de ciclo combinado a gas das Pontes (Endesa) pasase a ser en 2021 a segunda instalación industrial do país con maiores emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático.

Só as fábricas de alúmina e de aluminio de Alcoa en San Cibrao superaron as 800.000 toneladas (t) emitidas pola central de gas fósil das Pontes o ano pasado, ao atinxiren conxuntamente perto de 1.100.000 t. Esta cifra baixará en 2022 e 2023, anos en que só se manterá activa a fábrica de alúmina e interromperase a produción na de aluminio.

As cinco industrias galegas que máis contribúen á crise climática

Entre as cinco industrias galegas con maior impacto negativo no clima en 2021 tamén aparece, en cuarto lugar, a central de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy), por detrás da refinaría de Repsol da Coruña, localizada a escasa distancia. A central de Sabón pasou de emitir 31.400 t de GEI en 2018 a 642.000 en 2021, multiplicando por 20 o seu impacto no clima.

A que foi até 2018 unha das maiores fábricas de crise climática de Europa, a central de carbón das Pontes (Endesa), foi a quinta industria galega con emisións máis altas. Malia a súa actividade rexistrar un mínimo histórico en 2021, lanzou á atmosfera 521.000 t de GEI. En 2018, o ano previo ao inicio do colapso do carbón na xeración eléctrica, emitiu 7.940.000, 15 veces máis. Endesa prevé desconectar esta central de carbón, situada a carón da de gas fósil que tamén posúe nas Pontes, no próximo mes de xuño.

A queima do gas fósil, tamén chamado gas natural, xera menos emisións de GEI que a do carbón. Porén, tamén é un combustíbel fósil do que cómpre prescindirmos canto antes. Agrava a crise climática, encarece a factura enerxética e xera dependencia externa. A pretensión de Bruxelas de incluír o gas na súa lista de investimentos sustentábeis parécenos un despropósito.

Entre 2018 e 2021 a forte diminución da produción das centrais de carbón  foi compensada en parte polas centrais de gas fósil de Sabón e As Pontes, abastecidas a través da regasificadora de Reganosa. Nun escenario de baixo crecemento da potencia renovábel, o uso de gas fósil na xeración eléctrica tería sido ben maior de non ser polo descenso do consumo galego e das exportacións, inducido pola COVID-19 e o ascenso do prezo da electricidade.

A caída da produción das centrais de carbón das Pontes e Meirama (apagada en xullo de 2020), xunto co decrecemento da economía provocado pola COVID-19, provocaron unha importante redución das emisións totais de GEI de Galicia. En 2020 ascenderon a 18,6 millóns de t, un 35,9% menos que en 1990, segundo os datos oficiais máis recentes.

A pesar do incremento da actividade das centrais de gas fósil, as emisións conxuntas de gases causantes de cambio climático das centrais térmicas (carbón máis gas) baixaron en 2021 con respecto ao ano anterior, de 2,4 millóns de t a case 2. Isto supón que as emisións das centrais térmicas en 2021 foron un 86% inferiores ás de 1990. Polo tanto, en 2021 superouse amplamente o cativo obxectivo da Xunta para 2030 (-54,3%) e ficou máis próximo o proposto para 2050 (-98%).

Nos últimos anos confirmouse o prioritario que para a loita contra a crise climática desde Galicia era o abandono do carbón, aínda así atrasado innecesariamente década e media. O gas non pode ser o novo carbón e as centrais de ciclo combinado de Sabón e As Pontes os novos elefantes na habitación que ninguén parece ver.

Desde a plataforma «Galiza, un futuro sen carbón» consideramos necesario e factíbel o peche das centrais de ciclo combinado de gas fósil antes de 2030, como parte dunha estratexia que debería reducir as emisións galegas de GEI polo menos nun 65% en 2030 con respecto a 1990. Meta consecuente coas responsabilidades e capacidades da nosa terra para contribuír a que o quecemento global non supere os 1,5ºC.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.