CCOO lamenta o falecemento de Julio Agrelo Trigo, referente histórico do sindicato Lugo

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia lamenta o falecemento, aos 87 anos, de Julio Agrelo Trigo, un dos referentes históricos do sindicato na provincia de Lugo e membro tamén da primeira corporación democrática do Concello de Lugo. Pola súa traxectoria, o sindicato concedeulle en 1993 o Premio 10 de Marzo e hai dous anos foi homenaxeado —canda outros compañeiros lugueses— pola súa achega ao sindicato e á loita obreira.

O presidente da Fundación 10 de Marzo e ex secretario xeral de CCOO, Xan maría Castro, salienta o labor de Agrelo na constitución das Comisións Obreiras. «Julio asistía, aínda na clandestinidade, ás reunións da coordinadora das CCOO de Galicia», explica Castro. «Foi un dos fundadores do sindicato» e unha das «persoas clave» na súa expansión e consolidación na provincia de Lugo, apunta.

Outro ex secretario xeral de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, incide tamén no papel de Agrelo na expansión do sindicato no ámbito comarcal e provincial. Ambos pertencían á antiga Federación de Alimentación, Bebidas e Tabacos, da que Aguión foi secretario xeral varios anos.

Aguión lembra a Agrelo como un «sindicalista a pé de conflito» e «moi recoñecido e valorado tanto polos compañeiros do sindicato como polos da súa empresa», o matadoiro Frigsa. A de Lugo «era e aínda é unha comarca con moita industria cárnica e tivemos moita relación, especialmente no longo conflito de Frigsa», sinala.

Nunha das súas últimas entrevistas, Julio Agrelo cualificaba a sede comarcal de CCOO, na rolda da Muralla, como un dos seus lugares preferidos na cidade. «É o meu sindicato de sempre e para min foi importante ao longo da miña vida», afirmaba.

Foto. WEB CCOO

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.