Comeza en Lugo a segunda edición da iniciativa EnRedando co Galego

Arroxo: «Queremos promover o uso do galego entre a mocidade, así como a creación literaria e artística a través da lingua»

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo participou esta mañá, xunto con Lois Pérez e Leo Arremecaghona, na presentación da  segunda edición da iniciativa EnRedando co Galego, organizada pola área de Cultura en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en varios institutos de Lugo. Rubén Arroxo afirmou que «con esta iniciativa buscamos repetir o éxito do ano pasado, e promover o uso do galego entre a mocidade, facilitando que as rapazas e rapaces participantes utilicen o galego para crear contido literario e artístico». Nesta segunda edición, a iniciativa EnRedando co galego duplica o número de centros participantes, contando con 4 institutos de Lugo.

Rubén Arroxo explicou que «desde o Concello de Lugo buscamos colaborar en reverter a situación do galego no ensino e garantir o coñecemento da nosa lingua entre a mocidade». Para o Tenente Alcalde, «esta actividade é un punto de encontro para que o estudantado de Lugo poida intercambiar opinións, establecer novos lazos e coñecer a persoas coas súas mesmas inquedanzas, ao mesmo tempo que acadan unha mellor competencia en galego e fan chegar a nosa lingua a lugares nos que moitas rapazas e rapaces non contaron con ela». A actividade busca achegar ás participantes a conceptos sociolingüísticos de imprescindible coñecemento para comprender de xeito correcto a realidade actual da Galicia e o papel que xoga a lingua na mesma.

Durante os vindeiros 21 días, o estudantado dos centros poderá participar en dúas experiencias distintas: unha inmersión lingüística, compartindo nas redes sociais as súas reflexións sobre o proceso ou unha experiencia de creación literaria e artística, na que deberán crear obras literarias en galego en formato escrito e dixital, e deberán enviala á Escola de Escritoras e Escritores da AELG. As rapazas e rapaces que participen no proxecto recibirán un premio, ademais, na gala final realizaranse sorteos de material tecnolóxico e lotes de libros en lingua galega. De entre todas as persoas participantes, escolleranse os mellores traballos e publicacións, tanto da modalidade en redes sociais como da experiencia de creación literaria e artística, que tamén serán premiados.

As presentacións do proxecto nos distintos centros contan coas actuacións musicais en directo de Aldaolado e Leo Arremecaghona, e de cara ao final da iniciativa, a área de Cultura e a AELG organizarán un fin de festa no que se realizará un intercambio de experiencias de todas as estudantes participantes, e varias actuacións en directo. Como novidade, unha vez rematada a actividade, organizarase un encontro das rapazas participantes na modalidade de creación literaria que contará coa participación de escritoras e escritores en lingua galega.

Presentacións EnRedando co Galego

Martes 19 de abril

10:25 – IES Muralla Romana

12:00 – IES Ánxel Fole

Mércores 20 de abril

10:25 – IES Leiras Pulpeiro

12:00 – IES Nosa Señora dos Ollos Grandes

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.