Deputación e Concello de Mesía financiarán a construción dun novo depósito para a rede de abastecemento de auga do municipio

Instalarase un novo depósito de 1.000 metros cúbicos xunto ao actual, dunha capacidade de 766,8 metros cúbicos e que se queda pequeno para a demanda existente

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro, asinaron o convenio polo que a Deputación colaborará co municipio na construción dun novo depósito para a rede de abastecemento de auga.

A actuación, que está valorada en 202.630,11 euros dos que a Deputación aportará 162.104,08 euros, o 80% do orzamento, consiste na construción dun depósito de 1.000 metros cúbicos de capacidade para poder responder ás demandas actuais do municipio xa que o actual, de 766,88 metros cúbicos, quédase pequeno.

Segundo explicou o alcalde, a día de hoxe, o sistema de abastecemento de auga de Mesía conta con 103 quilómetros de rede, coa que se serve a 418 abonados das máis de 800 acometidas existentes de veciños, empresas, ganderías e demais consumidores. Ademais, Mesía conta con 12.768 cabezas de gando, o que supón un gran consumo de auga nos momentos nos que as captacións propias se esgotan ou diminúe o seu caudal.

Por todo isto, o Concello promove a construción dun novo depósito que permita responder á crecente demanda do servizo, garantir o subministro en caso de paradas ou avaría na ETAP e facilitar as tarefas de mantemento dos vasos de almacenamento sen afectar ao subministro.

A nova instalación construirase ao carón da actual, situada na parroquia de Santa María de Cumbraos. Terá unha planta rectangular, realizarase en formigón armado e os traballos incluirán a instalación da cámara de válvulas, dos equipos de control, medición e dosificación, das correspondentes canalizacións e valvulería, así como a adecuación da explanada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.