FEGADACE e o Hospital Comarcal de Valdeorras inauguran hoxe, no Día da Saúde, a exposición ‘Punto e seguido’

A información sobre o dano cerebral adquirido chega ao Hospital Comarcal de Valdeorras pola man da colaboración entre a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

Así, a información chega a través da apertura da exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ coincidindo co Día Mundial da Saúde. O Hospital do Barco e FEGADACE escollemos esta data pola importancia que ten o coidado da saúde e a promoción duns hábitos saudables para previr o dano cerebral adquirido.

A mostra poderá verse desde hoxe ata o día 18 de abril, en horario ininterrompido, como o do centro hospitalario.

As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.

Día Mundial da Saúde

A xornada mundial da Saúde foi promulgada pola Organización das Nacións Unidas (ONU) para conmemorar a data de fundación da Organización Mundial da Saúde (OMS). Cada ano, a OMS selecciona un tema ao que dedica o día mundial (este ano é a ‘O noso planeta, a nosa saúde’), e aproveita para sensibilizar sobre diferentes aspectos do coidado da saúde, o benestar público, a prevención de doenzas ou o respecto aos dereitos das persoas que as teñen.

FEGADACE aproveita a data para sensibilizar sobre a prevención do dano cerebral adquirido, unha discapacidade que se pode traballar para evitar a través duns hábitos saudables que reduzan o risco de ictus, a principal causa, no 78% dos casos, do dano cerebral. O ictus ten unha serie de factores de risco, como a obesidade, a diabetes, o sedentarismo ou o tabaquismo, sobre os que se pode intervir mediante hábitos de vida saudable e controis médicos axeitados.

‘Punto e seguido’ en Verín

Trala súa exhibición no Barco de Valdeorras, a mostra ‘Punto e seguido’ viaxa a Verín, onde tamén se poderá visitar no Hospital Comarcal. Esta exposición tamén é froito da colaboración entre FEGADACE a Xerencia ourensá do Sergas. ‘Punto e seguido’ estará en Verín do 18 ao 27 de abril.

A organización destas actividades conta coa colaboración da Xerencia da Área Sanitaria e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *