FEGADACE e o Hospital Provincial de Pontevedra colaboran na sensibilización e prevención do dano cerebral coa exposición ‘Punto e seguido’

A colección de fotografías poderá visitarse do 27 de abril ao 16 de maio

A información e sensibilización sobre o dano cerebral adquirido chegan a Pontevedra pola man da colaboración entre a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ poderá verse no Hospital Provincial de Pontevedra desde o 27 de abril ata o 16 de maio. O horario de apertura é de 24 horas todos os días, xa que é o mesmo que o do centro sanitario.

Proxecto ‘Punto e seguido’

As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.

A organización desta actividade conta coa colaboración da Xerencia da Área Sanitaria e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.