Festa da Carne ó caldeiro en Cartelle

A aldea de Prado, na parroquia de Sande, Concello de Cartelle, na que apenas residen 30 veciños reunirá ao redor de 200 comensais para degustar da proposta

O vindeiro sábado día 30 de abril a localidade de Prado, na parroquia de Sande, Concello de Cartelle, celebrarase a Festa da Carne ó caldeiro, unha cea popular que tradicionalmente se celebraba conxuntamente coa festividade da Santa Lucía, patrona da aldea, no mes de decembro, pero que por mor da pandemia tivo que ir retrasándose.

Na xornada gastronómica, na que colabora a AC Entroido As Bonitas de Sande e o Concello de Cartelle, ademais de ao redor dunha trintena de diferentes anunciantes, os comensais poderán degustar un menú a base de empanada de carne de raza cachena, carne ó caldeiro de tenreira con patacas cocidas e chourizos cocidos ó viño, pan, viño, refrescos, bica e licores variados. Todo elo por 15 euros.

As entradas poden reservarse ata o vindeiro xoves, 28 de abril, no teléfono 669 563 241. Terá lugar baixo unha carpa a partires das 21,00 horas. Ao remate, tomará relevo a actuación dun grupo orquestral e animación musical ata altas horas.

“Contamos con chegar ao redor de 200 comensais nunha aldea que apenas chega aos 30 residentes habituais. Xa temos reservadas máis da metade do aforo”, comenta Manuel Bande, organizador do evento. “Estou moi agradecido a todos os colaboradores que fan posible esta festa e agora só queda agardar que sexa un éxito”, engade.

Percorrido turístico

A gastronomía pode ser a excusa perfecta para descubrir a parroquia de Sande. Unha boa opción antes de repor forzas co menú, é facer algunha das rutas habilitadas da parroquia de Sande: a ruta do río Gato, a do Castelo ou ambas, xa que teñen un punto de unión e percorrido circular. Patrimonio popular, fermosas veredas, soutos, o descurrir do río Gato e o seu canón, muíños… son algún dos seus atractivos. Tamén se pode descubrir a Torre de Sande, coñecido como Castelo polos veciños, o pazo de propiedade privada, o núcleo poboacional do mesmo Sande coa súa igrexa, ou a recoleta capela de Parvón.

Recordar que a esta parroquia pertencen as máscaras das Bonitas, que últimamente co seu Entroido está gañando forza grazas a intensa labor de recuperación comezada fai anos pola Asociación de Veciños O Castelo e retomada fai catro anos pola AC Entroido As Bonitas de Sande.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.