Formoso homenaxea ás palilleiras na 31 edición da Mostra do Encaixe de Camariñas

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou esta tarde na inauguración da trixésimo primeira edición da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, celebrada no pavillón Víctor Vigo de Camariñas. No acto destacou a aposta da Deputación por este evento ao longo das últimas décadas para facer de Camariñas «unha referencia da Semana Santa en Galicia».

«É unha honra que un dos eventos con máis tradición e arraigo da Semana Santa en Galicia leve o apelido da Deputación da Coruña», afirmou Formoso no seu discurso inaugural, no que que destacou «o traballo conxunto durante tres décadas» do Concello de Camariñas e a institución provincial «para dar á Mostra do Encaixe relevancia nacional e internacional».

Unha homenaxe ás palilleiras

O presidente da Deputación sinalou que, ademáis de promocionar a nosa artesanía e tradición, a Mostra «é tamén unha homenaxe ás palilleiras, depositarias deste gran legado cultural e patrimonial, con séculos de historia que é o encaixe de Camariñas».

«Porque dentro e fóra das nosas fronteiras, dicir encaixe é dicir Camariñas», remarcou Formoso,  «e iso é froito do traballo de moitas xeracións de palilleiras que soubestes manter viva a tradición. Grazas a iso, hoxe Camariñas exporta moda, vangarda, artesanía e e cultura», apuntou.

O presidente da Deputación tamén quixo facer referencia ao relevo xeracional desta tradición. «É unha satisfacción ver como nun mundo tan dixitalizado hai avoas e nais que manteñen viva a tradición e nenos e nenas que devecen por continuala, por seguir innovando e facer chegar esta arte dos bolillos a todos os recunchos do mundo», afirmou.

Finalmente, Formoso saudou o regreso das delegacións internacionais á Mostra «porque marca o fin dunha etapa escura e triste para dar paso a un novo horizonte de esperanza», sostivo.

Na xornada inaugural, ademais do presidente provincial, participaron tamén a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, a subdelegada do Goberno, María Rivas, e o delegado da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor.

Ata o domingo 17 de abril, o municipio será a sede da Mostra, que contará cun total de 12 grandes firmas, 12 participacións da sección ArtEncaixe, 25 noveis deseñadores, o novidoso espazo de VodaEncaixe, encontros de palilleiras, os concertos de Xabier Díaz, Irma Macías ou El Combo Dominicano, música tradicional e máis.

Na xornada de hoxe tivo lugar o desfile PequeEncaixe e a pasarela de Grandes Deseñadores, coa actuación de Irma Macías para recadar fondos para a Asociación Ataxia STOP FA.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.