Formoso pídelle a Feijoo que deixe de seguir amparando a incorporación de Vox á vida institucional española para evitar que faga dano a nivel nacional e europeo

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle hoxe ao presidente do Partido Popular que deixe de “seguir amparando a incorporación de Vox á vida institucional española”, tal e como acontece ao bendicir ao pacto para o goberno autonómico de Castela e León.

“Ese é”, advertiu o líder socialista, “o gran reto de Alberto Núñez Feijoo”: evitar que unha formación de ultradereita “poida facer dano a nivel nacional e europeo”. Como exemplo dese “dano”, Valentín González Formoso aludiu ao que “acaba de facer a semana pasada da man do PP, votando en contra de que as mulleres poidan exercer libremente o seu dereito legal a abortar nunha clínica”.

Incidiu en que “se esa é a gran aposta do PP, estou convencido de que non vai coincidir coa maioría social deste país, que é unha maioría de progreso, e loxicamente seguirá confiando no Partido Socialista durante moitos anos”.

En paralelo, Formoso confrontou a actitude do Partido Popular de Feijoo coa defendida polo presidente do PP europeo, que denunciou ese amparo á ultradereita en España ao permitir que Vox se incorporase a un goberno por primeira vez na historia nunha institución a nivel europeo.

Do mesmo modo, e ao fío dos resultados das eleccións á presidencia da República francesa, o secretario xeral do PSdeG puxo de relevo “a unión e a contundencia” de todas as forzas do arco parlamentario no ámbito local e rexional para que a ultradereita non teña a posibilidade de entrar nas institucións. “Iso sucede”, enfatizou, nun dos berces históricos da democracia, como é Francia”.

Por outra banda, Valentín González Formoso cualificou de “importante” que no PP se aceleren os prazos para esclarecer o seu liderado. “E non por unha cuestión orgánica dos diferentes partidos, senón porque o momento o necesita”, sinalou.

Nesta liña, defendeu que “Galicia require agora mesmo dun goberno e duns liderados  políticos contundentes, que sexan capaces de entenderse e de propoñer medidas que favorezan a economía”. Tamén, remarcou, para “apoiar a todos os sectores que están sendo máis castigados pola situación marcada por unha inflación galopante, pola preocupación social e polo impacto nos sectores estratéxicos”.

Neste escenario, e tras lembrar que o PSdeG “ten os seus tempos”, Valentín González Formoso volveu amosar a súa “disposición absoluta” para ser candidato nas próximas eleccións autonómicas. Con todo, fronte ao modelo do PP, resaltou que o PSdeG é un partido que “fai prevalecer a democracia e onde o dedazo non é unha fórmula aceptada pola militancia do partido”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.