Homenaxe ás mulleres do 10 de marzo de Ferrol pola súa loita a prol da liberdade e a democracia

Valentín González Formoso recibiu ás Republicanas de Honra nun acto no que destacou o seu importante papel “na loita por unha sociedade libre, xusta e democrátic”a e insistiu na importancia de “seguir defendendo estes valores cada día”

A Deputación da Coruña homenaxea ás mulleres do 10 de marzo de Ferrol, que reivindicaron e loitaron polas liberades e os valores que hoxe permiten que vivamos en democracia. A recepción das nomeadas como Republicanas de Honra 2022 forma parte dos actos da xornada en recoñecemento organizada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

O presidente Valentín González Formoso e a deputada de Igualdade, María Muíño, recibiron hoxe na sede provincial a Rosario Alabau, Carmela Amor, Libertad Barcia,Josefina Freijomil, María del Carmen García, Divina García, Ana María García, María Cristina García, Pilar Graña, María del Carmen Hermida, Josefa López, Manuela López, Ánxela Loureiro, María A. Loureiro, Teresa Mandía, Marisol Novás, Pilar Otero, Manuela Paredes, María Pérez, Josefa Piñón, Encarna Puentes, Antonia Rey, Rosa Suárez e Josefa Varela.

Un encontro no que Formoso subliñou o importante papel de todas elas, e das que hoxe non poden estar con nós, “na loita por unha sociedade libre, xusta e democrática”.

Formoso agradeceu o nomeamento das mulleres do 10 de marzo como Republicanas de Honra por parte da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e sinalou que contribúe “a visibilizar” o seu papel na defensa duns valores democráticos “que foron truncados polos mesmos que perseguiron, que exiliaron, que provocaron a invisibilización das mulleres durante décadas e que provocaron a morte de Amador e Daniel no ano 72”.

“Este acto ten unha parte de sentimento, pero tamén unha parte pedagóxica importante nun momento no que volven a xurdir correntes de extrema dereita que poñen en dúbida dereitos e avances sociais que parecían conseguidos e consolidados. Se queremos seguir disfrutando da liberdade temos que defendela cada día e recoñecer o traballo dos que nos precederon en momentos moito máis difíciles”, afirmou o presidente.

A deputada de Igualdade, María Muíño, lembrou que que o 10 de marzo de 1972, hai agora cincuenta anos, a policía da ditadura matou a Amador Rey e a Daniel Niebla, houbo  40 obreiros feridos de bala, 160 despedidos e máis dun cento de detidos e ducias de encarcerados.

“Os sucesos de Ferrol e tamén de Vigo,  son todo un fito nunha loita obreira e antifranquista moito máis ampla…Neses acontecementos tamén había mulleres, mulleres como as que hoxe recibimos aquí. Mulleres a quen a historia  máis unha vez quere silenciar, invisibilizar, borrar. E por iso é tan importante rebelarnos contra ese relato. Aquí temos o exemplo dun grupo de mulleres que estiveron en primeira liña desa loita. Mulleres que parafraseando a Fina Varela, un día puxéronse en pé e non voltaron axeonllarse, e por iso nos piden que non esquezamos o seu relato. Por iso, por lembralas, por achegarnos  os seus testemuños, o que viviron  en primeira persoa, agradézolle a asociación pola recuperación da memoria histórica que as tivesen en conta nomeándoas Republicanas de honra neste 2022”, afirmou a deputada.

Beatriz Gómez, portavoz das mulleres, agradeceu o recibimento e o nomeamento do colectivo como Republicanas de Honra cando se cumpre medio século dos sucesos do 10 de marzo de 1972. “O esforzo que se fixo valeu para algo, porque hoxe gozamos dunhas institucións democráticas. Pero temos que seguir pelexando porque os dereitos obtidos non se perdan”, afirmou Gómez, que tivo un recordo emocionado “para as que xa non están”.

Un recordo que expresou tamén Rosario Alabau, da Fundación 10 de marzo, que sostivo que as mulleres “arriscaron as súa vida polos seus homes, pais e fillos”. “Elas gardan a memoria dun pobo que loita pola recuperación da dignidade”, sostivo.

As mulleres do 10 de marzo de Ferrol xogaron un papel protagonista na loita pola amnistía dos presos políticos con motivo das protestas obreiras do 10 de marzo de 1972 en Ferrol, que se saldaron coa morte de Amador Rey e Daniel Niebla, dous sindicalistas de CCOO asasinados pola policía franquista.

Segundo recolle a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, o relato histórico olvidouse do labor destas mulleres e dos movementos organizados por elas, quedando invisibilizadas baixo os apelidos dos seus esposos. Foi no 2018 cando se comezou a recoñecer o seu traballo coa concesión do X Galardón do Día Internacional das Mulleres.

O 9 de marzo estiveron fóra do estaleiro ferrolán informando a aqueles que pasaban e manifestándose e, o día seguinte, 10 de marzo, colaborando cos feridos nos centros de saúde, reuníndose con autoridades e organizando unha nova mobilización. Desde este día e ata o ano 1976 dedicáronse á loita polas liberdades e denuncia dos acontecementos na busca da amnistía con encontros con autoridades, coloquios para visibilizar a situación no cárcere, recollendo firmas, ofrecendo refuxio ás persoas perseguidas e visitando aos presos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.