Inés Rey: “Eventos como o Atlantic Pride converten a Coruña nunha urbe atlántica de referencia cultural e exemplo de tolerancia e inclusividade”

O Atlantic Pride, que se levará a cabo do 3 ao 10 de xullo, contará con grandes artistas como Ladilla Rusa, Samantha Hudson ou La Zowi entre outros

A Alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a presentación do Atlantic Pride, Festival do Orgullo LGTBI referente no norte de España promovido pola asociación LGBT ORCO, en colaboración co Concello da Coruña. Este acontecemento celebrarase entre os días 3 e 10 de xullo e contará coa presenza de destacados artistas do panorama nacional e galego.

O cartel do festival estará encabezado por Ladilla Rusa, Samantha Hudson, Javiera Mena e Putochinomaricón. A listaxe de actuacións complétana La Zowi, Natalia, OBK, Marta Sango, Rocío Sáiz, Romero Martín, Rebeca, Killer Queen e Pupi Poisson. Ademais, o Atlantic Pride contará coas actuacións dos galegos Ortiga, Grande Amore e Berto, referentes no panorama nacional e que colaboran na difusión da cultura musical galega.

“Co noso apoio a este festival amosamos tamén o noso compromiso coa cultura”, sinalou a alcaldesa Inés Rey, que destacou non só a importancia de que se realicen grandes eventos culturais senón tamén que estes teñan un amplo fondo social. “O orgullo é xa parte da identificación de Coruña como cidade, e todos os coruñeses e coruñesas poderemos celebrar e gozar da nosa identidade sendo referencia das celebracións da diversidade para o resto de Galicia”, engadiu a rexedora.

O Atlantic Pride celebrarase ao aire libre e terá como escenario principal os emblemáticos Xardíns de Méndez Núñez, que acollerán a meirande parte de actuacións do programa. O Festival inaugúrase o 3 de xullo na Fundación Luis Seoane, cunha festa temática da “Feira de Abril” na que actuará a artista flamenca Soleá Morente e os DJ’s Flashback e Licho. A Praza de Pontevedra tamén será escenario dalgunhas das actividades programadas, como as actuacións de Berto e DJ Gorllitox o 5 de xullo, e Romero Martín e Cayazzo DJ o día 6. Deste xeito, A Coruña converterase nun espazo aberto á diversidade, convidando a todos os coruñeses e coruñesas a sumarse á celebración da diversidade.

Con este festival, A Coruña continúa escalando no obxectivo de converterse na cidade de referencia para grandes eventos. O Atlantic Pride, coñecido como “O orgullo do norte”, súmase ao xa presentado Morriña Fest, que traerá á cidade artistas da talla de Maluma, Black Eyed Peas, Ozuna ou Franz Ferdinand, recuperando Riazor como espazo de concertos despois de 29 anos. “O Atlantic Pride é unha grande oportunidade para que A Coruña continúe a consolidarse como polo de atracción turística, pois tanto a cidadanía como a hostalaría están preparadas e abertas para acoller a todos os cidadáns que escollan a nosa cidade como destino”, sinalou Inés Rey.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.