Inés Rey: “O Morriña Festival será unha cita de referencia nacional”

O evento contará con artistas do nivel de Maluma, Black Eyed Peas, Franz Ferdinand ou Crystal Fighters, e actuacións gratuítas nos exteriores do estadio

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a presentación do Morriña Festival, o evento musical que devolverá as grandes actuacións ao estadio de Riazor tras 29 anos. Este acontecemento celebrarase os días 15 e16 de xullo e contará coa presenza de destacados artistas internacionais.

O cartel do festival estará encabezado por Maluma, Black Eyed Peas, Franz Ferdinand e Crystal Fighters. Ademais, este venres 22 de abril darase a coñecer outro dos grandes artistas que estarán no estadio de Riazor. A listaxe de actuacións complétana Duki, Lost Frequencies, Xoel López, Lola Índigo, Viva Suecia, Funzo & Baby Loud, Vega e Belén Aguilera. Por outra banda, Inés Rey confirmou durante o acto de presentación que durante os días do festival haberá un escenario nos exteriores do estadio con actuacións gratuítas aínda por anunciar.

“O Morriña Festival non será só unha cita de referencia a nivel galego, senón que aspira a selo tamén a nivel nacional”, sinalou a alcaldesa Inés Rey, que destacou a singularidade do espazo escollido para este evento, o estadio municipal de Riazor, que levaba desde o ano 1993 sen albergar grandes actuacións musicais. “A celebración deste festival confirma á Coruña como a cidade de referencia para os grandes concertos e que o compromiso deste goberno con este obxectivo é irrenunciable”, engadiu a rexedora.

O Morriña Festival pon ao servizo do público un sistema de pre-venda. As persoas interesadas deben completar un formulario de inscrición a través do cal toda persoa que se apunte recibirá unha ligazón de venda de abonos antes do lanzamento. Esta pre-venda estará dispoñible a través da páxina web do festival o próximo martes 26 de abril. A venda xeral de abonos será o próximo mércores 27 de abril. Os abonos estarán dispoñibles cun prezo a partir dos 49 euros máis gastos.

Con este festival, A Coruña afiánzase como unha das referencias musicais do noroeste. A cidade acollerá este ano numerosas actuación de artistas internacionais de grande éxito. Cabe destacar a xa celebrada de C. Tangana ou a que ofrecerá Rosalía no Coliseum, única cita da cantante en Galicia. “Na Coruña sempre haberá espazo para estes grandes eventos. Como alcaldesa aposto decididamente pola súa celebración e este 2022 será un ano que quedará para a historia da cidade”, sinalou Inés Rey.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.