Jorquera preguntará ao Goberno Local sobre os problemas de lixo na cidade

O grupo municipal do BNG ten “serias dúbidas” de que o Goberno Local teña unha estratexia para “resolver os problemas do lixo en todos os seus aspectos: limpeza, recollida e tratamento”, afirma o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera

É por isto que Jorquera lle vai dixirir unha pregunta oral ao Executivo coruñés a este respecto no Pleno que se vai realizar o próximo xoves 7A.

Canto ao tratamento do lixo, o voceiro nacionalista denuncia que as instalacións de Nostián “continúan a degradarse” sen que no horizonte, visto o contido os orzamentos para 2022, se albisque un novo contrato para este servizo esencial do Concello.

“A concesionaria continúa sen cumprir coa súa obriga de selar un vertedoiro que leva moito tempo colmado, mesmo incumprindo sentenzas xudiciais”, argúe Jorquera. E por se isto fose pouco, o Goberno central acaba de impor unha interpretación nova na Lei de Residuos “que deixaría fóra o modelo de recollida húmido-seco existente na Coruña”, o que obrigaría a “introducir novas adaptacións na planta de Nostián” e un novo contentor, específico para envases, nas rúas da cidade”.

Canto aos servizos de limpeza viaria e recollida de lixo, remarca Jorquera, os seus problemas non se acaban de resolver, polo cal a cidade continúa “chea de sucidade e con lixo amoreado nos contentores”.

“Aínda que nos aledamos de que se chegase a un acordo para pór fin, polo de agora, ao conflito, do noso punto de vista hai problemas enquistados que poden provocar que o problema, tarde ou cedo, volva emerxer”, conclúe o voceiro nacionalista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.