Maite Ferreiro valora como unha gran nova a elección de Lugo como Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2023

A vicepresidenta da Deputación de Lugo respaldou a candidatura lucense nunha reunión que se celebrou esta mañá en Guimaraes

A vicepresidenta da Deputación de Lugo e concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, valorou como unha gran nova a elección de  Lugo como Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2023,  decisión adoptada esta mañá durante unha reunión do Grupo de Traballo Educación e Cultura do Eixo Atlántico en Guimaraes, en Portugal, onde o goberno local lucense expuxo a súa candidatura.

A proposta de Lugo, presentada pola concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego Ana González Abelleira, aprobouse por unanimidade dos representantes das municipalidades e das administracións da Eurorrexión presentes no encontro, celebrado na Sala de Conferencias do Centro Internacional para as Artes José de Guimaraes.

Maite Ferreiro destacou que esta capitalidade cultural “converterá Lugo no centro da actividade cultural de Galiza e do Norte de Portugal, reafirmando a aposta que o goberno local ven facendo pola cultura, cunha programación estable e variada, e afondando na relación e no intercambio entre a comunidade artística galega e portuguesa unidas polo idioma e a cultura”.

Durante a súa intervención na xuntanza do GT Educación e Cultura,  na representación da Deputación de Lugo e referíndose tamén a súa responsabilidade na área de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro respaldou a candidatura de Lugo, poñendo en valor “o traballo que se ven facendo no ámbito cultural con programacións estables e apoio á creatividade local” e fixo fincapé “nos lazos que se veñen tecendo co norte de Portugal acollendo propostas escénicas e musicais de creación portuguesa tanto na programación municipal como da institución provincial que, entre outras iniciativas, apoia a organización de obradoiros de portugués en centros educativos”.

A candidatura de Lugo presentouse vinculada a unha proposta artellada arredor dos recursos patrimoniais e históricos da cidade, dunha axenda cultural estable e diversa e do talento artístico local, que se pechará coas achegas que as entidades socias do Eixo Atlántico queiran realizar nos vindeiros días.

Entre outros espazos e eventos culturais, o proxecto presentado polo goberno local pon en valor  os centros culturais da Deputación de Lugo na cidade, como o Museo Provincial de Lugo, a Sala de Exposicións da Capela de Santa María e o Centro de Artesanía e Deseño.

A iniciativa Capital da Cultura do Eixo Atlántico, de carácter bianual, naceu en 2007 co obxectivo de potenciar todas as manifestacións culturais nas cidades da Eurorrexión e reforzar os lazos culturais entre Galiza e o Norte de Portugal. Vilanova de Gaia, Viana do Castelo, Ourense, Matosinhos, Santa María da Feira ou Braga foron elixidas capitais culturais nas últimas edicións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.