Martín Seco reclámalle á Xunta que complemente as axudas do Goberno central para o sector da carne e o da pataca

Repróchalle á Xunta a súa desaparición ante a crise mentres o goberno central toma medidas para axudar aos sectores máis afectados para paliar a situación derivada da guerra de Ucraína, a alza de prezos e a seca

O deputado socialista Martín Seco incidiu hoxe na desaparición da Xunta ante a crise que está a padecer o sector agrario en Galicia por mor da crise derivada da guerra de Ucraína, a alza de prezos e a seca. De maneira concreta, demandoulle ao goberno galego que habilite axudas para complementar as que o goberno central xa está destinando ás granxas de carne de vacún.

Neste caso, o obxectivo  sería o de chegar a equilibrar as primas previstas para o sector lácteo. Trátase, en palabras de Martín Seco, dunha “cuestión de xustiza e porque ademais estas granxas supoñen o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade”.

O deputado socialista formulou esta mañá unha pregunta na Comisión de Agricultura do Parlamento onde cuestinou ao goberno galego polas medidas que ten previsto adoptar ante a crise do sector agrario. Así, tras lembrar que o goberno do Estado vai destinar 169 millóns de euros para o sector lácteo e 128 para outros sectores agrarios, “seguimos sen ver como se publica no Diario Oficial de Galicia cal será o compromiso da Xunta coa nosa agricultura e gandería”.

Neste contexto, salientou tamén a necesidade de establecer liñas de apoio económico para os sectores cunícola, porcino e avícola, “que tamén sufriron e sofren a crise polo peche de mercados e o encarecemento dos pensos”. Na mesma liña, instou á Xunta a apoiar a produción de pataca, “tendo en conta que este sector é un dos grandes prexudicados polo encarecemento dos combustibles e a enerxía, así como polo prezo disparado no que se están a situar os fertilizantes”.

Na súa intervención, Martín Seco lembroulle á Xunta que hai sectores como o da carne, “que vén sufrindo unha crise estrutural dende fai moito tempo e que foi agravada pola crise da pandemia”. Ampliou esta situación a outros sectores como o da carne de polo, porco e coello, “que tamén están a padecer a crise derivada dos prezos da enerxía e que tamén deben ser atendidos pola administración galega”.

Con todo, lamentou que o goberno “siga sen poñer enriba da mesa nin unha soa medida para axudar ao sector agrario, agás a de avalar préstamos para pagar os adiantos derivados da PAC”. En consecuencia, “todo un goberno con competencias plenas na materia que se mostra como unha simple entidade financeira”.

Fronte a esta actitude, Martín Seco lembrou que o goberno do Estado aprobou un paquete de axudas duns 360 millóns de euros para o sector agrario. Destes, 169 son especificamente para o sector lácteo e 193 para o sector agrario e gandeiro, que ademais tamén se beneficiarán da redución de vinte céntimos por litro de carburante.

Así, o sector produtor de leite de vaca recibirá uns 124 millóns de euros e Galicia será un dos grandes beneficiados. “Queda por ver”, subliñou, “o reparto que se farán deses 193 millóns para os sectores agrarios e gandeiros, 65 procedentes de Europa e complementados con 128 millóns, é dicir, poñendo o goberno central un 200% máis”.

Por iso, Martín Seco remarcou que “cómpre agora que a Xunta diga e publique canto vai a poñer dos seus fondos propios para axudar aos sectores agrarios, e a onde quere dedicalos”. Neste senso, incidiu en que “entendemos que todos os gobernos deberan de estar á altura das circunstancias, tanto sexan a nivel europeo, estatal ou autonómico, xa que é a Xunta a que ten as competencias en agricultura e gandería do noso país”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.