Nace o ‘Club da Raíña Lupa’, un club de lectura sen complexos nin etiquetas

‘Non hai idade, hai literatura’ é a filosofía da que parte este club de lectura que nace ao abeiro do Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña

O último venres do mes de abril terá lugar a primeira sesión do ‘Club da Raíña Lupa’, un club de lectura sen etiquetas e sen complexos que nace ao abeiro do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. Un club que parte da filosofía ‘non hai idade, hai literatura’, para extender e socializar a idea de que a LIX vai máis aló do público estritamente infantil e xuvenil.

Esta iniciativa está coordinada pola gañadora da última edición do Premio Raíña Lupa, Andrea Maceiras, e terá lugar na Sala Sala César Antonio Molina da Biblioteca provincial da Coruña, ás 18h do último venres dos meses de abril, maio, setembro, outuro e novembro. O venres 29 de abril, será o escritor Antonio Manuel Fraga o encargado de inaugurar esta rede de encontros co público lector. De feito, esta mañá a coordinadora, Andrea Maceiras, e o autor Antonio Manuel Fraga visitaron a Biblioteca provincial na que terán lugar as sesións. Nos seguintes encontros participaran Érica Esmorís, Berta Dávila, Ledicia Costas, Manuel Rivas e a propia Andrea Maceiras.

Para participar no ‘Club da Raíña Lupa’ será necesario inscribirse previamente a través de correo electrónico. O prazo de inscrición para formar parte deste Club abrirase o luns 18 de abril, día no que se fará público o enderezo electrónico de inscrición. O número de prazas estará limitado a 20 persoas e poderá participar tanto o público máis novo como calquera persoa adulta -nais, pais, irmáns, docentes, bibliotecarias- que desexe compartir experiencia lectora cos máis novos e novas.

Calendario de lecturas e encontros:

  • 29 de abril: Antonio Manuel Fraga con “Santoamaro”
  • 27 de maio: Érica Esmorís con “Patio de luces”
  • 30 de setembro: Berta Dávila con “Un elefante no cuarto de estar”
  • 28 de outubro: Ledicia Costas con “O neno de lume” e Manuel Rivas con “A nena lectora”
  • 25 de novembro: Andrea Maceiras con “Que se me pare o corazón se te esquezo”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.