Narón acollerá en maio as semifinais e as dúas finais do Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Fútbol Sala Feminino

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, presentaron na cidade xunto con Pablo Prieto e Abraham Yáñez, directivo e delegado en Ferrolterra da Real Federación Galega de Fútbol, respectivamente, o Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Fútbol Sala Feminino das seleccións Sub-19 e Sub-16

O Concello colabora neste evento deportivo, organizado pola Real Federación Española de Fútbol, e que conta tamén coa colaboración da RFGF. A rexedora local destacou a importancia de celebrar este evento deportivo na cidade e anunciou que se celebrarán a fase de grupos, semifinais e as dúas grandes finais na cidade, concretamente nas instalacións do pavillón polideportivo da Gándara do 2 ao 6 de maio.

“O Concello será novamente unha referencia do deporte durante esas xornadas, nas que todas aquelas persoas que se acheguen ao pavillón da Gándara terán a oportunidade de desfrutar da gran calidade do fútbol feminino e do excelente nivel dos grupos participantes, procedentes de Galicia e doutras comunidades autónomas”, apuntou Ferreiro.

Pola súa banda, o directivo da Real Federación Galega de Fútbol agradeceu a colaboración do Concello nesta convocatoria e recalcou que “sempre que vimos a Narón sentímonos como na nosa casa”. Así mesmo, destacou o feito de que dende o Consistorio naronés se convidase aos centros de ensino da cidade para que poidan presenciar algunha das xornadas matinais.

Ferreiro e Oreona animaron ás veciñas e veciños da cidade a acudir a esta convocatoria, con entrada de balde. Os horarios ao completo poden consultarse a través da web: www.futgal.es.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.