Noelia Otero critica a xestión “pouco democrática e pouco limpa” dos recursos humanos na CRTVG

A deputada socialista insta á dirección a respectar a negociación coa parte social e pídelle á dirección da Corporación que adíe ata o luns a sinatura da nova OPE para a CRTVG ante os cambios introducidos de maneira unilateral

A deputada socialista Noelia Otero lamentou hoxe a xestión “pouco limpa e pouco democrática” dos recursos humanos da CRTVG. Fíxoo mediante unha pregunta ao director xeral da Corporación, na que alertou das prácticas empregadas para “empregar falsos locutores e locutoras que, realidade, desenvolven funcións propias da categoría de redactor”.

Ese, segundo denuncia o Comité de Empresa, parece ser o obxectivo da nova convocatoria de probas para ampliar a listaxe de locutor de radio, que vén de celebrar a CRTVG alegando “falta de persoal”. Así, Noelia Otero explicou que os propios traballadores e traballadoras consideran que este tipo de convocatorias representan “unha burla” e “unha arbitrariedade”, xa que sirve para “esquivar os chamamentos na listaxe de contratación de redactor da RG”.

Isto permite “non só abaratar os gastos de persoal, senón tamén, e sobre todo, contratar redactores e redactoras a través dunha lista paralela conformada cos perfís que lle interesan e con responsabilidades propias dunha categoría superior”. “Chégase ao punto”, sinalou Otero, “ de que algúns exercen labores -encubertas ou non- de redactor xefe”, posto que son “máis baratos e dóciles”.

A maiores, como mostra desa “arbitrariedade”, Noelia Otero explicou que para estas probas a empresa elevou os requisitos de acceso nesta categoría de locutor a titulación de Grao en Xornalismo. Isto incide, entre outros aspectos, “nunha fonda preocupación no colectivo de traballadores e traballadoras temporais con anos de servizos prestados que aspiran a consolidar o seu posto”.

Outro dos posibles aspectos arbitrarios, segundo denuncia o Comité, estaría na introdución unilateral dun requisito excluínte para presentarse ás probas. É o que fai referencia á nota media de expediente académico e que ata o de agora nunca se utilizara.

Neste caso, ademais, Noelia Otero remarcou que a convocatoria incumpre o estipulado no convenio colectivo da CRTVG no referente á regulación das contratacións temporais. “Non é a primeira ocasión que sucede e non estamos ante un caso puntual”, afirmou, “é unha realidade que afonda no malestar do persoal”.

OPE

No Venres Negro 206, a deputada socialista exemplificou ese malestar na negociación da nova OPE para a CRTVG, que se ía asinar hoxe. “Semellaba que había un acordo que sería histórico con todos os sindicatos e que ademais valeu para desconvocar unha folga”, pero a dirección decidiu a última hora e de maneira unilateral mudar o acordado “xerando máis conflitividade e perdendo unha oportunidade histórica”.

Neste escenario, Noelia Otero solicitoulle ao director da CRTVG que “agarden unhas horas e permitan dende a dirección e recursos humanos que o luns se celebre a asemblea para que sexan as traballadoras e traballadores os que poidan pronunciarse sobre os cambios”. Nesta liña, insistiu na necesidade de “non impoñer, de respectar os acordos en beneficio de todas e todos e de remar por un clima laboral máis saudable e de estabilidade”.

“O que pedimos”, concluíu Noelia Otero, “é respectar o convenio e a negociación coa parte social e hoxe temos unha mostra máis de que non o queren facer”. Trátase dunha actitude que cualificou de “desalentadora” porque “non hai vontade algunha de acadar entendemento”. Por iso, fronte “as voces que falan dun uso autoritario e chantaxista, teñen diante unha oportunidade única e histórica de amosar que non é así”.

Finalmente, Noelia Otero remarcou que “o único interese é o de defender as e os traballadores da CRTVG e dignificar o seu labor”, xa que “elas e elas son o piar da corporación”.  “Nuns medios públicos”, proclamou, “non podemos soportar máis o incumprimento sistemático da lei”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.