O BNG convoca á veciñanza de Castroverde para informar sobre as implicacións dos parques eólicos Reboiro e Monte Contado

O Bloque Nacionalista Galego en Castroverde convocou unha charla informativa sobre as implicacións e afeccións da construción de dous posíbeis parques eólicos na localidade, baixo nome de Reboiro e Monte Contado.
Contou coas intervencións de Belén Rodríguez, secretaria executiva de ADEGA, e a portavoz municipal e concelleira do BNG en Castroverde, Iria Castro.
O BNG organiza estas palestras dentro da campaña Nin espolio, nin depredación. Enerxía eólica sustentábel, xusta e galega!, nas que se ofrece á veciñanza ferramentas, para coñecer de primeira man os custos que posúen as implantacións destas infraestruturas, como tamén, información sobre o sistema enerxético galego.
“En Castroverde temos afectados os lugares de Páramo, A Meda, Barredo e Serés coa construción de dous parques eólicos, por isto, puxemos en marcha esta charla informativa para que as veciñas e veciños saiban como é o camiño que teñen que afrontar, e deslucir aquelas inquedanzas que teñan sobre estas instalacións” explicou a concelleira do BNG, Iria Castro, en referencia á conxuntura do boom eólico en Castroverde.
A concelleira destacou que o BNG está a impulsar medidas para frear este modelo depredador do territorio “defendemos que Galiza conte con medidas eficaces para frear o espolio enerxético; en Castroverde producimos enerxía pero aquí non queda nada, só os impactos negativos”
Neste senso, a Iria Castro fixo fincapé en que “no contexto que estamos vivindo é mais necesaria que nunca unha tarifa eléctrica galega para abaratar o recibo da luz; somos produtores dabondo para sermos menos dependentes en enerxía”