O BNG insta á Xunta a mediar para evitar que “A Santiña” sexa vendida nunha poxa e remate en mans privadas

Ana Miranda e Daniel Castro critican o “total desinterese” do goberno galego pola situación do patrimonio da Casa de Galicia de Montevideo

A coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda, e o deputado no Parlamento galego, Daniel Castro, instaron á Xunta que exerza un papel activo coa nova Casa de Galicia de Montevideo, -constituída onte co nome Casa de Galicia Centro Histórico Cultural-, para evitar que a escultura de Francisco Asorey “A Santiña” sexa vendida nunha poxa e remate en mans privadas e salvagardar todo o patrimonio cultural da institución.

“Resulta indignante a indiferencia e total desinterese do goberno galego pola situación desta institución centenaria, creada cos aforros de emigrantes galegos, así como o pouco poder político da Secretaría de Emigración”, denuncia Ana Miranda, quen o 14 de marzo reuniuse en Montevideo con exmembros da Comisión de Cultura de Casa de Galicia, representantes dos máis de 45.000 socios e socias e representantes dos 3.000 traballadores e traballadoras.

“Tamén é indignante a confirmación do Goberno da República Oriental do Uruguai de que o Goberno galego se negou a axudar nesta difícil situación, malia que llo pediron”, engade a coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque, quen sinala que até que se desprazou a Montevideo “non se soubo nada do goberno galego”.

Daniel Castro, pola súa banda, salientou que “hai dos xeitos de actuar: a inacción do PP e o apoio do Bloque á diáspora, neste caso visualizado coa presenza de Ana Miranda en Uruguai”. Neste sentido, explicou que o BNG vén de presentar diversas iniciativas no Parlamento Galego, co obxectivo de que a Xunta de Galicia medie para acadar unha intervención urxente que salvagarde o patrimonio. “Se a Xunta non actúa para salvar o patrimonio da Gasa de Galicia de Uruguai quedará demostrado unha vez máis que para o PP a emigración só é un caladoiro de votos”, manifestou.

O deputado nacionalista destacou que a Xunta ten que convocar de urxencia ás tres forzas políticas para mediar e salva o patrimonio desta institución e incluso valorar a posibilidade de que o Goberno galego merque a escultura de Asorey e o resto de bens da institución constituída en 1917.

Mantemento da cobertura sanitaria

Máis alá do risco de perda do patrimonio cultural da Casa de Galicia, o Bloque tamén sente unha fonda preocupación pola situación sociosanitaria das socias e socios galegos co cese ambulatorio e o traslado e derivación de pacientes a outras entidades integradas no Sistema Nacional de Saúde de Uruguai. Neste sentido, Daniel Castro destacou que as iniciativas presentadas polo Bloque tamén instan ao goberno galego a facerse cargo da continuidade da cobertura sanitaria de aproximadamente cen socios e socias galegas de avanzada idade en situación de pobreza que non pagaban cota porque a propia Xunta de Galiza se facía cargo dese pagamento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.