O BNG levará ao vindeiro pleno da Deputación de Lugo unha moción contra o recorte dos servizos de transporte público estatal na provincia

O grupo nacionalista pretende “unha posición firme da Deputación en defensa do transporte público como servizo básico” fronte a supresión en liñas e paradas que planifica o goberno do Estado

O BNG presentará no vindeiro Pleno unha moción para demandar ao goberno do Estado o mantemento dos servizos nas liñas de transporte público de concesión estatal que pasan pola provincia.

Segundo a información publicada en medios de comunicación e declaracións públicas de representantes municipais, no marco de elaboración da Lei de Mobilidade Sostible, o Ministerio de Mobilidade e Transportes planifica unha actualización do mapa de liñas regulares que implicaría a supresión de 9 das 15 paradas que estes servizos de longa distancia teñen actualmente .

O voceiro nacionalista Efrén Castro explicou que “presentamos esta moción nun momento no que a Lei está en fase de tramitación co obxectivo de fixar desde a Deputación de Lugo unha posición firme en defensa do transporte público, neste caso fas liñas estatais, como un servizo público básico, que debe atender ás diferentes necesidades e realidades sociais e territoriais”.

“A información da que dispoñemos apunta á supresión de 9 paradas, a grande maioría nas comarcas da montaña e do sur, afondando na carencia de servizos de transporte público e mesmo de vías de comunicación axeitadas nesta zona”, apuntou Efrén Castro.

A moción que se someterá a debate no vindeiro Pleno provincial, o 26 de abril, demanda  ao Goberno do Estado que reconsidere a proposta de actualización das concesións de transporte colectivo por estrada, evitando a perda ou redución dos xa escasos servizos da actualidade e buscando pola contra o seu reforzo.

Tamén reclama que a futura Lei de Mobilidade Sostible explicite claramente a aposta polo transporte público de viaxeiros, adecuando ás necesidades da poboación as características do servizo e as súas interconexións posto que esta é a alternativa máis acaída se queremos apostar por un transporte máis sustentábel desde o punto de vista económico e ecolóxico.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.