O Ciclo Mestre Mateo proxecta o documental “A virxe roxa” en cinco concellos de Pontevedra

As sesións terán lugar o vindeiro sábado en espazos culturais de Cambados, Poio, Forcarei, Redondela e Ponteareas

O Ciclo Mestre Mateo que promoven a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra celebrará este próximo sábado a súa segunda sesión coa proxección nos concellos de Ponteareas, Poio, Redondela, Cambados e Forcarei do premiado documental “A virxe roxa”, a cinta gañadora do galardón nesta categoría. O ciclo, que busca dotar aos concellos da provincia dunha programación audiovisual estable de cinema en galego exhibirá ao longo do ano o resto das películas premiadas e finalistas dos Mestre Mateo 2022, polo que amais de “A virxe roxa” tamén proxectaranse nos próximos meses os documentais “A poeta analfabeta”, “Welcome to ma maison” e “O gran Camiño” así como as longametraxes “Tres”, a premiada, e as finalistas “Cuñados”, “Jacinto” e “Malencolía”.

A proxección do documental “A virxe roxa” terá lugar ás 18 horas no Multiúsos de Soutelo de Montes de Forcarei; ás 19.30 horas no Multiúsos A Xunqueira de Redondela e ás 20 horas no Auditorio Municipal da Xuventude de Cambados, no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó en Poio e na Sala Multiúsos do Auditorio Municipal de Ponteareas.

“A virxe roxa” leva á pantalla a historia dun suceso que conmocionou á España de 1933, o asasinato de Hildegart Rodríguez, de 18 anos, pola súa nai Aurora Rodríguez Carballeira, que lle asestou 4 disparos. Hildegart era unha nena prodixio da política, unha precoz intelectual e pioneira do feminismo en España. O filme, unha produción de Recrea Films, está dirixido por Marcos Nine, que tamén asina o guión xunto a Rocio González, e conta coas voces de Nerea Barros, Antonio Durán “Morris” e María Vázquez.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.