O Concello da Coruña promove a formación ciclista a través da Escola da Bici, de Mobi-liza

O Goberno municipal invita a participar nos cursos organizados pola asociación na busca dun maior uso da bicicleta na cidade

O Concello da Coruña aposta pola formación ciclista mediante o seu apoio á Escola da Bici, unha iniciativa impulsada pola asociación Mobi-liza. A través dela ofreceranse cursos divididos en tres niveis: de iniciación, de habilidades e de circulación. Estarán dirixidos tanto a persoas adultas como a nenos e nenas que busquen aprender a andar en bicicleta, mellorar a súa destreza ou coñecer as normas para circular de maneira segura pola cidade.

Máis de 200 persoas participaron nos cursos do ano 2021 pese ás restricións existentes, a maioría delas mulleres e de diferentes idades. Case 100 destas persoas fixérono nun curso de iniciación. No que vai de 2022, entre os meses de marzo e abril, xa foron realizados 9 cursos nos que participaron 41 persoas. Ademais, durante os vindeiros meses está previsto un aumento do número de cursos co obxectivo de que máis persoas poidan mellorar as súas nocións coa bicicleta.

O obxectivo destes cursos formativos é fomentar o uso da bicicleta na cidade a través dunha infraestrutura ciclista segura, eficaz, protexida e de calidade. O Goberno municipal de Inés Rey busca que a cidadanía dispoña dos coñecementos e as destrezas necesarias para poder empregar a bicicleta dun xeito seguro. Por iso, o Concello apoia á Escola da Bici e as actividades levadas a cabo por Mobi-liza.

Na Coruña hai xa máis de 50 quilómetros de vías ciclables e carrís bici. Un dos grandes obxectivos de Inés Rey como alcaldesa é o de facer unha cidade máis amable e segura para as persoas, favorecendo o uso de medios de transporte alternativos como a bicicleta mediante a creación de infraestruturas seguras e presentes en todos os barrios.

Novos cursos e máis profesionais

Para o mes de maio ofrécense un total de 8 cursos para todos os niveis, dos que 6 van dirixidos a persoas adultas e dous á infancia. Para poder inscribirse nestes cursos é preciso, en primeiro lugar, cubrir este formulario. Tras isto, poderase acceder ao formulario de inscrición dos cursos de cada mes, e poderase escoller aquel que segundo o nivel e as datas se axuste en maior medida.

A Escola da Bici conta xa cun total de 8 monitoras/monitores. Isto permite ofrecer un maior número de cursos e cunha maior especialización, pois cóntase con persoal especializado en grupos de infancia, para cada un dos niveis, para mecánica… A formación deste persoal é continua, e en colaboración co Concello da Coruña, un monitor está a participar na segunda edición do seminario de formación ciclista para instrutores/as e técnicos/as que impulsa a Rede de Cidades pola Bicicleta. Esta formación conta cunha parte teórica en modalidade en liña, mais tamén se realizarán dúas xornadas presenciais de tipo práctico durante os días 26 e 27 de abril en Madrid.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.