O Concello de Laracha ofrece vía whatsapp información de interese municipal

Para ser usuario do servizo basta con enviar a mensaxe “Alta” ao 628877667.

O Concello pon en marcha un novo servizo de comunicación municipal a través da aplicación WhatsApp por medio do que as persoas interesadas recibirán información directamente nos seus dispositivos sobre novas, avisos, actividades e eventos de interese no ámbito municipal.

Calquera persoa que dispoña dun dispositivo (smartphone, tableta, ordenador persoal, etc) no que teña instalada a aplicación WhatsApp poderá darse de alta no servizo. Para iso debe gardar na súa axenda o teléfono 628877667 e enviar unha mensaxe coa palabra “Alta”. Ao facerse efectiva, recibirá unha mensaxe de benvida e aceptará de maneira automática as condicións do servizo, permitindo ao Concello empregar os seus datos exclusivamente para o envío das comunicacións.

Este servizo de información por WhatsApp é unha canle unidireccional, polo que os usuarios soamente recibirán mensaxes. Non se empregará para atender reclamacións, preguntas ou suxestións, permanecendo habilitadas para tal fin as canles tradicionais do Concello (teléfono 901605001, web www.alaracha.gal e presencialmente na propia Casa Consistorial).

Cabe salientar que as persoas que se dean de alta non pasarán a formar parte de ningún grupo, polo que a súa privacidade estará garantida. No caso de que un usuario desexe deixar de recibir as comunicacións por WhatsApp, simplemente deberá enviar unha mensaxe coa palabra “Baixa”.

O Concello da Laracha considera que esta iniciativa abre unha nova canle de comunicación directa e inmediata coa cidadanía, permitindo ademais aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías e do xeito máis cómodo posible para as persoas usuarias, xa que se emprega a aplicación de mensaxería instantánea máis usada na actualidade.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.