O GALP Golfo Ártabro Sur promove o II Curso de velería para embarcacións tradicionais

Será impartido pola asociación Os Patexeiros no peirao de Oza

O GALP Golfo Ártabro Sur continúa apoiando a recuperación da cultura mariñeira. O peirao de Oza (A Coruña) acollerá mañá sábado 23 a primeira das catro xornadas do II Curso de velería para embarcacións tradicionais promovido mais financiado pola entidade e impartido pola Asociación Os Patexeiros. A formación, que hai semanas cubriu as 14 prazas dispoñibles, estará dirixida por profesionais especializados nas instalacións da empresa Finishterra Sails. As próximas sesións terán lugar, igualmente, todos os sábados pola mañá (9.45 a 14.00h) o 30 de abril e o 7 e 14 de maio.

Ao longo das 16 horas de formación, o alumnado aprenderá o oficio de confección e restauración de velas, principalmente dos barcos tradicionais como os do patexo do Golfo Ártabro Sur. De feito, esta actividade promovida polo GALP Golfo Ártabro Sur atópase na súa Axenda 2022 para conmemorar o Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA). Así, o fin deste curso é fomentar os oficios tradicionais mariñeiros, entre os que se atopan os amaños das velas, con aprendizaxes prácticas que propician a conservación do patrimonio cultural marítimo e material, como poden ser as embarcacións a vela e as da pesca tradicional. “Con este tipo de accións conseguimos preservar a idiosincrasia do noso territorio e impulsar a formación especializada para manter viva a navegación en embarcacións de vela tradicional”, sinalan desde o GALP.

O temario do II Curso de velería para embarcacións tradicionais comezará dándolle a coñecer ao alumnado todos os materiais que se precisan para o traballo. Despois, ensinaráselles a manexar a máquina de coser, pasando ás técnicas de cosido e tamén de reparación. Xa avanzada a formación, farán unha vela cangrexa e a súa funda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.