O Grupo Socialista denuncia que a Xunta segue sen aplicar a exención de taxas portuarias para a pesca que lle reclama ao Goberno central

A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, acusou hoxe ao goberno galego de manter paralizada a exención de taxas portuarias nos portos autonómicos que anunciaron o 17 de marzo. No debate dunha pregunta na Comisión de Pesca do Parlamento, lamentou que se trata da única medida anunciada pola Xunta para axudar ao sector, e que ademais nin sequera foron quen de poñer en marcha.

Criticou que “non teñan posto ningunha medida de apoio ao sector”, chegando a asegurar que “non vían acertado poñer en marcha un plan de axudas ao sector” malia que contan con marxe de abondo para axudar ao sector. A única iniciativa posta sobre a mesa foi unha exención de taxas portuarias durante só dous meses, que nin sequera teñen habilitado, e axilizar as axudas xa concedidas, propostas “moi insuficientes” para a situación actual da pesca galega.

Otero censurou que a única iniciativa coñecida pola Xunta sexa protestar diante do goberno de España, que si que puxo en marcha a exención de taxas nos portos galegos de titularidade estatal dende o 31 de marzo e durante 6 meses, 4 máis que os previstos pola Xunta.

Un goberno central, dixo, que ten liberado ademais 68,8 millóns de euros en axudas para a pesca extractiva e acuícola, a exención do canon de uso de bens de dominio hidráulico para instalacións de acuicultura continental, o aprazamento das cotas á Seguridade Social, a rebaixa de 20 céntimos ao combustible, axudas directas aos barcos e a paralización do artigo 26 do Regulamento Fempa para poder habilitar máis liñas de axudas.

Ademais criticou que a Xunta teña respondido facendo ouvidos xordos ás propostas presentadas polos socialistas galegos, por canto o “presidente ausente” do goberno galego nin tan sequera quixo recibir ao secretario xeral do PSdeG, que “lle tendía a man para colaborar nun momento tan complicado”. Os socialistas galegos propuxeron un plan de axudas específico para a pesca e o mar industria, elevar as axudas de mínimis ao máximo permitido ou a exencción de taxas portuarias.

Comité Científico

A parlamentaria socialista lamentou ademais que a Consellería do Mar constatara hoxe que “dan por aparcado, non van constituír nin poñer en funcionamento o Comité Científico Galego da Pesca”, que leva 11 anos á espera de que apliquen a modificación do seu regulamento en 2011. Daquela a conselleira explicara que pretendían cambiar a súa composición para darlle “máis operatividade e representatividade” con técnicos e científicos de recoñecido prestixio.

Sen embargo “nunca se puxo en funcionamento”, polo que “botamos en falta este organismo creado en 2004 e que en 2011 a conselleira recoñecera a necesidade de darlle un novo pulo para facelo máis operativo”. Agora anuncian a súa substitución por un novo organismo “en rede, integrado por distintos organismos da Xunta de Galicia e coa participación do goberno central, das universidades e diversos axentes”.

Sinalou a urxencia de que a Consellería do Mar active os instrumentos científicos dos que dispón e que adoecen dun “grao altísimo de parálise”. A súa aportación, sinalou, resulta fundamental de cara a argumentar a defensa dos intereses da pesca galega no caso dos TACs e das cotas pesqueiras, e que non se repita o peche da cigala a pesares de contar cun stock en bo estado, ou os recortes na pescada sur, que pasou do 18,5 ao 8 por cento.

Estes informes científicos, dixo, resultan “fundamentais” para contribuír ás decisións na UE ou na OMC e axudar ao sector pesqueiro no difícil camiño ao que se enfronta diante das consecuencias do cambio climático, o perigo de perda das exencións fiscais ao combustible pesqueiro que buscan os organismos internacionais, e que no seu caso require dunha transición ordenada e con apoio aos sectores produtivos.

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.