O PP de Cervantes pedirá explicacións ao goberno local sobre as pistas municipais que quedaron sen desbrozar no 2021

O Grupo Municipal do Partido Popular de Cervantes pedirá ao goberno local no pleno deste mércores que explique os motivos polos que quedaron pistas municipais sen desbrozar no 2021 en Vilasante, Pontorrón, Vilar de Cucos e Teixeira.

O voceiro, Javier Santín, condena a “falta de xestión do goberno local” que supuxo un prexuízo para os veciños destes lugares e, polo tanto, pedirá que “se desbrocen as marxes destas estradas o antes posible. A acumulación de maleza supón un risco de cara ao verán”, advirte.

O Grupo Municipal Popular esixe, polo tanto, unha “planificación seria e realista” para evitar que queden zonas sen desbrozar de forma que este servizo chegue a tódolos lugares do municipio mantendo limpas as marxes das estradas municipais.

O Grupo Municipal Popular xa propuxera reforzar o desbroce con recursos externos que permitisen tamén liberar ao operario municipal da carga de traballo que supón a limpeza da extensa rede viaria municipal; tendo en conta que “o Concello dispón de menos recursos para este labor porque o goberno local rexeitou anos atrás un convenio para adquirir un novo equipo perdendo 90.000 euros”.

Outros asuntos

Tamén relacionado coas vías que discorren polo municipio, o Grupo Municipal Popular pedirá ao goberno local que solicite á Deputación a mellora da estrada provincial LU-P-1409 que comunica Quindous con Robledo ante o seu mal estado.

E outro dos asuntos que os populares defenderán no pleno deste xoves será que a corporación municipal aprobe unha iniciativa para esixir ao Goberno central a adopción de medidas extraordinarias como está a facer a Xunta para facer fronte ás consecuencias da suba dos prezos debido á guerra en Ucraína.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.