O PP denuncia o pésimo estado da maior parte das estradas municipais da Fonsagrada e esixe a Carlos López un plan de mellora

O alcalde de A Fonsagrada, Carlos López, non ten a mellora das infraestruturas municipais entre os principais obxectivos da súa xestión. A esa conclusión chega o portavoz popular, José Luís Regueiro, á vista do pésimo estado no que se atopan moitas das pistas que dependen directamente do Concello. Indica tamén as responsabilidades en que pode incorrer o goberno local en caso de que o mal estado das vías provoque accidentes.
Os populares din que o abandono da rede municipal de estradas só pode responder ao desinterese do goberno que preside Carlos López. Destaca os inconvenientes, molestias e riscos aos que teñen que facer fronte os veciños dos núcleos aos que dan servizo as pistas que están en mal estado, cando non practicamente intransitables.

Estradas municipais de A Fonsagrada
As que se indican seguidamente son algunhas das estradas municipais que se atopan en moi mal estado, segundo sinala o portavoz municipal: San Martín-Suarna, Vieiro, San Mamede, A Pastoriza-Rieiro, pistas a Goxe, Peizais, Maderne, Ferreira de Arriba, Foncuberta, a que leva ao cruce de Xoán de Lamas, pista á Reboira e a rúa Carrapitas.
Os populares resaltan que non existe planificación dende o goberno local para a mellora das infraestruturas viarias que dependen do Concello. O pouco que se intervén para mellorar os firmes, non obedece a un plan, deseñado en función de prioridades obxectivas, de maneira que se tapan as fochancas seguindo máis criterios políticos que outras consideración de carácter obxectivo.
José Luís Regueiro sinala: “Non podemos seguir así por máis tempo. O alcalde e o seu equipo teñen que poñerse a traballar, porque son moitos os veciños que o pasan moi mal a causa do pésimo estado en que están as pistas municipais. Esiximos un plan, unha programación, con dotación orzamentaria suficiente, e que se poñan a traballar canto antes”.