O PSOE da Laracha pide facilitar o acceso das persoas desempregadas ao programa Harmoniza

A nova ordenanza só contempla reducións da cota en función da situación socio‐familiar e o nivel  de ingresos da unidade familiar

O pasado 31 de marzo, o Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou a nova ordenanza reguladora do programa ‘Harmoniza: conciliando na Laracha’, concibido como unha  ferramenta de apoio á conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Nas bases actualizadas contémplase a posibilidade de aplicarlle unha cota reducida ás persoas solicitantes en base á súa situación socio‐familiar e ao nivel de ingresos do fogar, pero xa non se ten en conta a situación laboral dos proxenitores, un baremo que sí contemplaba a ordenanza orixinal do ano  2017.

A concelleira socialista Alba Toba considera que a supresión deste criterio é un erro, e xa  presentou un documento de alegacións encamiñado a facilitar o acceso de todas familias aos  servizos do programa municipal de conciliación.

Novo baremo

De acordo coa ordenanza publicada o 31 de marzo, as persoas solicitantes poden aspirar,  como máximo, a unha redución do 50% das cotas. Para conseguilo, teñen que sumar máis de dez puntos nun baremo no que se ten en conta que se trate de mulleres vítimas de violencia de xénero, familias monoparentais ou que haxa dúas ou máis crianzas usuarias no mesmo núcleo familiar, entre outras circunstancias. A proposta socialista inclúe, a maiores, outro criterio baseado na situación laboral, que outorgaría ata cinco puntos ás familias cos dous proxenitores en situación de desemprego sen prestación económica.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.