Onde non hai viño non hai amor. Por @DulceCorcu

Era o que dicía Eurípides, e tamén o que deben pensar todos eses políticos maiormente da bancada da dereita, que andan á desesperada posando cunha copa de viño na man a xeito de protesta contra o goberno central por unha medida inexistente. Porque na loita a favor dunha vida mais saudable, sobre todo no que atinxe ás doenzas cardiolóxicas, dende o Ministerio de Sanidade recomendan que nos menús do día non se inclúan bebidas alcólicas por defecto para non incitar ao seu consumo. Outra cousa é o que pida cada un, que aínda que pareza mentira hai que explicar que nos bares e restaurantes nin o viño nin a cervexa serán erradicadas dos xantares.

Un chío da presidenta de Madrid cunha copa de viño sobre a mesa e unha mensaxe dicindo algo así como que a ela ninguén lle prohíbe darse aos praceres de Baco, desataba a polémica e dúas cousas máis: a indignación de quen tentaba desmentir o bulo e, por outra, a choiva de fotos dos seus adláteres copa en man abominando de Pedro Sánchez e o seu demoniaco goberno. Resulta paradoxal que o ideólogo de Isabel Díaz Ayuso, e por tanto a man que mece o berce detrás da súa pataleta a conta dunha imaxinaria prohibición do viño, sexa precisamente Miguel Ángel Rodríguez, condeado no seu día por cuadriplicar a taxa de alcol permitida ao volante. Unha autoridade no tema, iso non pode negarse. O caso é que visto o disparate nacional unha vez máis, o propio Ministerio de Sanidade tivo que saír a explicarse para os que carecen de comprensión lectora ou, sinxelamente, non teñen máis arma política que a maldade. O incrible é que algo tan burdo funcione a día de hoxe, a era das informacións e as tecnoloxías, onde abondan dez segundos para verificar unha nova, pero onde igualmente o bulo e a manipulación seguen asolagando as nosas vidas e acadando unhas dimensións que precisan desmentidos oficiais. Así, unha simple foto nunha rede social obriga a un debate absurdo sobre algo que non vai acontecer, pero que deixa clara a estratexia de que tomarnos por parvos é moito máis efectivo que traballar a prol dunha vida mellor para a cidadanía. Pero aínda así, que viva o viño e tan contentos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.