Os Bochechas renovan por dous anos máis coa Televisión Pública de Portugal (RTP)

A popular serie da TVG comezou a emitirse en xaneiro de 2015 en Portugal e nos países lusófonos de África a través da RTP África. Con esta renovación, Os Bochechas estarán en antena no país veciño case unha década, xusto o tempo que levan emitíndose en Galicia

Os Bolechas acaban de renovar por dous anos máis coa Televisión Pública de Portugal (RTP) na que empezaron a emitirse hai máis de sete anos, en xaneiro de 2015. Cando cruzaron a fronteira, os populares personaxes de Pepe Carreiro levaban xa tres anos na Televisión de Galicia, polo que neste 2022 celebran o décimo aniversario da súa estrea audiovisual que supuxo un éxito similar ao que xa acadaran anteriormente no ámbito editorial.

Con esta renovación, a familia Bolechas seguirá divertindo diariamente coas súas aventuras as nenas e nenos de Portugal durante dous anos máis, ofrecéndolles unha alternativa de ocio achegada aos seus referentes culturais e á súa contorna, de xeito que interioricen conceptos e valores de forma amena e natural.

Esta vertente pedagóxica, unida ás divertidas historias dos Bolechas, foron chave para a súa expansión e seguen a ser garantía de éxito dunha serie que vén de dar un paso máis en Galicia coa emisión, este pasado Nadal, de Merenda cos Bolechas, un programa en streaming a través da canle de Youtube da TVG no que a audiencia podía interactuar cos seus personaxes favoritos en directo cada tarde. Un paso máis na aposta por combinar os libros –razón de ser dos Bolechas– coas novas tecnoloxías e ofrecer produtos de calidade atractivos para as novas xeracións.

De feito, en Portugal a familia Bolechas tamén era coñecida antes do salto á pequena pantalla grazas aos libros, que no país veciño se publicaron baixo o nome Os Bochechas. Malia todo, a súa emisión na Radio Televisión Pública de Portugal e na RTP Açores para todo o territorio portugués, así como para os países lusófonos do continente africano a través da RTP África, supuxo un fito histórico que confirmou a boa acollida da popular familia fóra de Galicia, un éxito que xa se vivira antes coa emisión dos Bolechas, en lingua asturiana, na Televisión Pública de Asturias e que se repetiría noutras comunidades autónomas.

Tras un Nadal cheo de actividade tanto no eido editorial como nos escenarios –coa xira do Crebanoces– e no audiovisual, Os Bolechas preparan novas sorpresas para este 2022 en que se cumpre ese aniversario tan especial: 10 anos de traxectoria audiovisual ininterrompida.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.