Os concellos poderán destinar parte dos fondos do Plan Único a financiar os gastos derivados da suba do prezo da luz e dos carburantes

Mañá ás 9.00 horas abre o prazo de solicitudes das axudas da Deputación para pequenas empresas, microempresas e profesionais autónomos da provincia dos sectores agrícola, gandeiro, pesqueiro e de transporte de mercadorías por estrada, especialmente afectados pola alza dos combustibles e subministracións derivadas da guerra de Ucraína

A Deputación da Coruña permitirá aos concellos da provincia destinar parte dos 87,9 millóns de euros do Plan Único (POS+2022) a financiar os gastos derivados da suba da factura eléctrica e carburantes.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, anunciou hoxe que a partida adicional de 42 millóns de euros do POS+ aprobada o pasado mes de marzo, en principio reservada exclusivamente ao financiamento de obras e investimentos nos 93 concellos coruñeses, poderá destinarse tamén a financiar gastos correntes como a factura eléctrica ou o gasto en combustibles, que veñen experimentando importantes incrementos tras a invasión rusa de Ucraína.

«Estes gastos disparáronse nos últimos meses e supoñen un serio problema económico non só para as familias e as empresas, senón tamén para os concellos, que cada vez deben destinar máis recursos para pagar as facturas de luz e carburantes», afirmou o presidente, que explicou que ante «a situación excepcional» que atravesamos, o goberno provincial modifica as bases do POS+ para «apoiar aos concellos nesta situación excepcional», permitindo que podan destinar parte dos fondos a pagar as facturas de luz e carburante.

«Unha vez máis, o Plan Único demóstrase como unha ferramenta útil e eficaz para atender as necesidades dos municipios coruñeses, que son os que deciden o destino dos fondos en función das súas necesidades», afirmou Formoso, que lembrou que o POS+ permite aos concellos financiar obras, servizos, gasto corrente ou gastos sociais.

O vicepresidente e responsable da área de Plans, Xosé Regueira, afirmou que a Deputación posibilita que todos os concellos da provincia teñan capacidade de investimento e que sexan capaces de aprobar os seus investimentos sabendo sempre cal é a achega económica da Deputación cada anualidade, «mais tamén  procuramos estar sempre atentos ás necesidades puntuais e ás dificultades económicas que estresan as arcas municipais para darlle saída».

«O Plan Único demostra a súa utilidade, eficacia, e tamén o seu dinamismo, ao permitir que este ano puntualmente os concellos fagan fronte á factura enerxética para servizos básicos como poden ser o alumeado público ou infraestruturas como  polideportivos ou piscinas. Deste xeito, o gasto enerxético súmase ao criterio de investimento en obras financieiramente sostibles», afirmou.

Abren as axudas para o sector agrogandeiro, pesqueiro e do transporte

A Deputación da Coruña abre tamén mañá xoves, 28 de abril, a partir das 9.00 horas, o prazo para solicitar as subvencións do programa urxente de axudas directas a pequenas empresas e autónomos do sector agrogandeiro, pesqueiro e do transporte de mercadorías por estrada, sectores estratéxicos na provincia gravemente afectados pola suba do prezo dos carburantes e as consecuencias económicas da guerra de Ucraína. 

O programa está dotado cun orzamento de 5 millóns de euros e contempla axudas de 3.000 euros por beneficiario, que serán concedidas por orde de entrada ata o esgotamento do crédito.

«Son axudas de carácter urxente, que queremos tramitar coa maior axilidade posible porque somos conscientes da difícil situación que atravesan as pequenas empresas e autónomos  destes sectores. Para iso, aproveitaremos a experiencia adquirida pola Deputación durante a pandemia co programa Reactiva de axudas á hostalaría», afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

O prazo medio des pagamento das axudas á hostalaría en 2021 foi de 7 días, chegando a alcanzar un tempo mínimo de sete horas desde a solicitude ata o cobro, un récord na tramitación de subvencións da Deputación. O obxectivo é que o programa beneficie a preto de 1.700 pequenas empresas e autónomos destes tres sectores.

Concretamente, están destinadas ás persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, pequenas empresas e microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que figuren dadas de alta con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022, no censo de actividades económicas en calquera dos sectores de actividade relacionados a continuación, e que cumpran os seguintes requisitos: Ter o domicilio fiscal nun concello da provincia da Coruña; estar dadas de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, no caso de persoas físicas; non atoparse incursas en ningunha das circunstancias recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17  de novembro, xeral de subvencións e estar dadas de alta nalgún dos sectores de actividade seguintes, segundo figure no seu Certificado de Situación Censual actualizado:

Sectores agrario, gandeiro, pesqueiro e do transporte

SECTOR

ACTIVIDADE

SECCIÓN

DIVISIÓN

AGRUPACIÓN

GRUPOS

EPÍGRAFES

SERVIZOS AGRÍCOLAS, GANDEIROS, FORESTAIS E PESQUEIROS*

EMPRESARIAL

1

0

01- 07

 

011 – 071

EMPRESARIAL

1

9

91

911 e 912

PROFESIONAL

2

0

09

099

*Estarán tamén incluídos aqueles solicitantes nos que consonte o artigo 78.2 do RD Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais, non teñen a consideración de actividades empresariais aos efectos do IAE e non quedan suxeitos ao feito impoñible deste imposto Código/ Actividade :B01 Agrícola,B02 Gandeira e B05 Pesqueira

TRANSPORTE DE MERCADORÍAS POR ESTRADA

EMPRESARIAL

1

7

72 e 75

722 e 751.6

PROFESIONAL

2

6

61 e 69

612 e  699

*(912) Neste epígrafe só serán subvencionables os servizos relacionados coa pesca

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do 28 de abril e permanecerá aberto ata o esgotamento do crédito.

Así, as persoas e empresas que desexen optar ás axudas unicamente deberán acceder á convocatoria co código MUR-COMB_SUBM/2022 na plataforma SUBTeL (sede.dacoruna.gal/subtel) e presentar a seguinte documentación:

·         Certificado de Situación Censual da Axencia Estatal Tributaria actualizado.

·         Certificado de Vida Laboral do/a autónomo/a actualizado onde conste a data de alta no RETA, no caso de persoas físicas.

·         Documento que acredite a representación, no caso de persoas xurídicas e/ou físicas que actúen a través de representante.

·         Información dos datos bancarios onde se ingresará a axuda.

Este programa urxente de 5 millóns de euros súmase ás axudas para pemes, autónomos e emprendedores do PEL-2022, destinadas a todos os sectores, que contan cun orzmento de 7,2 millóns de euros e cuxo prazo de solicitudes está aberto ata o 11 de maio. Inclúen axudas á contratación de persoal, ao investimento e para subvencionar as cuotas de autónomos á Seguridade Social.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.