Os segredos da arquitectura da Praza de Abastos de Santiago preséntanse nun documental

O vindeiro 3 de maio, ás 19:00 horas, no Salón Teatro, preséntase o documental “Os segredos do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela”, un proxecto audiovisual que amosa os segredos dunha das obras mestras da arquitectura europea do século XX, autoría do arquitecto asturiano Joaquín Vaquero Palacios (1900-1998). Este documental, dirixido pola arquitecta e investigadora Ruth Varela e polo videógrafo Pablo Goluboff, foi realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos culturais Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia

O arquitecto Joaquín Vaquero Palacios (1900-1998) expresaba deste xeito os motivos que o levaron a residir en Compostela e a aceptar o encargo de proxectar a nova Praza de Abastos: «Entusiasmado de Galicia, recorrí sus caminos, visité sus aldeas y sus ciudades, cambié impresiones con sus gentes, escuchando su lenguaje musical, sus sentencias impregnadas de una filosofía profunda, y en mis recorridos fui atraído muy particularmente por la abundancia y la diversidad de granitos que existen y por el inteligente y hábil aprovechamiento que los gallegos hacen de ese precioso material» (…). «Santiago de Compostela me sedujo con tal fuerza y tal dulzura que me quedé varios años allí».

Os segredos do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela é un documental realizado a partir dos resultados dun proxecto de investigación, até o de agora inédito, levado a cabo pola arquitecta Ruth Varela e quere amosar ao gran público as últimas indagacións sobre este fascinante mercado que foi pensado para lograr integrar a aldea e o campo na cidade, o románico co barroco e a tradición coa contemporaneidade. Alén diso, esta peza audiovisual quere ser, ao tempo, unha lección de arquitectura, un recoñecemento ao arquitecto Vaquero Palacios e, moi especialmente, unha sentida homenaxe á Praza de Abastos, e a todo o que esta praza significa para Compostela, nun momento delicado no que o debate sobre o produto e o comercio de proximidade, e sobre a soberanía alimentaria, é máis importante que nunca.

Moi celebrado dende a súa inauguración en 1945, e actualmente un dos lugares máis visitados de Compostela, non obstante os seus valores e riqueza cultural seguen a ser descoñecidos. Esta peza audiovisual é a primeira produción que aborda no seu conxunto os detalles deste interesante exemplo de mercado que resulta ser, pola súa concepción innovadora e plasmación arquitectónica, único no mundo.

O documental Os segredos do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela reúne a maior colección de fotografías e documentos inéditos sobre esta emblemática peza da arquitectura compostelá, grazas á xenerosa colaboración de numerosos arquivos e coleccionistas públicos e privados. Entre eles, o AHUS da Universidade de Santiago, a Biblioteca da ETSAC, UDC, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC, o CGAI, o Archivo Vaquero de Segovia, os Archives départementales de la Haute-Garonne, Francia, e coleccións privadas como as de Sanxiao-Lodeiro, Carlos Castelao, ou César Portela Jardón, entre outros.

Acudirán a esta estrea numerosos persoeiros de Compostela e, para completar esta homenaxe, os netos de Joaquín Vaquero Palacios –Joaquín Vaquero Ibáñez e Juan Vaquero Ibáñez–, que se volcaron por completo para que este proxecto fose posible, viaxarán dende Madrid para intervir no acto. Asemade, despois da proxección do documental, terá lugar unha sesión de Cineforum, cun grupo de convidados de excepción.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.