Os servizos de autobús entre Mazaricos e Noia chegará ata A Picota

A prolongación do itinerario entre O Pino de Val e A Picota facilita, principalmente, os desprazamentos dos estudantes de Mazaricos ata os institutos de Noia

A Xunta mellorará desde o vindeiro martes, día 3 de maio, os servizos de autobús entre Mazaricos e Noia, coa ampliación ata A Picota dunha das liñas que conectan os dous concellos.

Ata o momento, os usuarios dispoñían de servizos con cabeceira nos lugares do Pino de Val ou Suevos. Con esta mellora no servizo que será efectiva desde o martes, a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, atende a solicitude trasladada polo Concello de Mazaricos.

A prolongación ata o núcleo da Picota da liña entre O Pino de Val, A Vila do Monte e Noia facilitará, principalmente, os desprazamentos dos estudantes de Mazaricos ata os institutos noieses.

A liña que se amplía ofrecerá dous servizos ao día de luns a venres en época lectiva, con horarios que permiten o seu uso para asistir ás clases.

Para manter a hora habitual de paso polo Pino de Val e a chegada a Noia, a expedición de ida axusta o seu horario ao incremento de 6 minutos na duración da viaxe, polo que pasará a ter a súa saída ás 07,44 horas desde A Picota. Os servizos de volta desde Noia manteñen as súas horas de saída ás 18,35 horas os luns e ás 14,50 horas de martes a venres.

Estas melloras enmárcanse no traballo continuo da Xunta por ofrecer máis e mellores servizos de transporte público por estrada aos cidadáns.

A información relativa aos reforzos e cambios nos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.