Presentación do proxecto “RIMARTES. Riquezas do mar, tesouros do profundo” ao sector hostaleiro entre Bergondo e Porto do Son

As catros reunións sectoriais terán lugar na Coruña, Fisterra, Porto do Son e Malpica os días, 25, 27 e 28 de abril. Os GALP Costa Sostible, Costa da Morte e Golfo Ártabro Sur impulsan o proxecto colaborativo e de turismo experiencial “RIMARTES. Riquezas do mar, tesouros do profundo” para dar a coñecer o noso patrimonio subacuático a través do mergullo reacreativo para afeccionados de todos os niveis
O proxecto de turismo experiencial “RIMARTES. Riquezas do mar, tesouros do profundo” continúa a súa andaina. Tras unha primeira fase centrada na documentación e catalogación de case medio centro de pecios de gran valor histórico entre Bergondo e Porto do Son ou na promoción na feira internacional FITUR da man de Turgalicia, neste 2022 continúase coa fase de edición de material divulgativo como son as rutas emocionais, o folleto e os carteis do proxecto ou a comunicación a través de redes sociais e dunha web propia ou a organización do I Campionato de foto submarina en pecios, entre outras accións estratéxicas que se anunciarán en breve.
Neste sentido, durante a próxima semana están programadas catro reunións co sector hostaleiro do territorio de actuación para presentarlle esta iniciativa e establecer posibles sinerxias co proxecto en si e, en concreto, cos seis centros de mergullo colaboradores de RIMARTES como son Buceo Galicia, Deepteam Coruña, Nauga (todos con sede na Coruña), Buceo Malpica, Buceo Fisterra e Mergullo Compostela (con base en Porto do Son).
O primeiro encontro terá lugar o próximo luns, 25 abril (10.00h) no Nordés Club Empresarial (rúa Enrique Mariñas Romero (Matogrande, A Coruña). O segundo e o terceiro serán o mesmo día, o mércores 27. Ás 11.00h en Fisterra (salón de plenos do concello) e ás 17.00h en Porto do Son (Centro de Interpretación do Castro de Baroña). Xa o xoves, 28 de abril (11.00h), a última xornada sectorial será no Centro Cívico de Malpica. Os interesados en asistir poden inscribirse no email info@rimartes.com ou ben chamar ao 636 111 893.
Conexión internacional
Galicia é un dos puntos de maior concentración de xacementos arqueolóxicos subacuáticos do Atlántico europeo. Pecios de diferentes épocas atópanse ao alcance de mergulladores de todos os niveis que buscan novas experiencias e coñecemento. Naos da Armada do Océano ao mando de Martín de Padilla, mercantes ou barcos de pasaxe, acorazados, vapores, submarinos e avións de combate da II Guerra Mundial e pesqueiros afundíronse fronte ás nosas costas e teñen unha gran historia para ser contada e recordada. Os pecios de moitos deles tamén se poden visitar.
O valor diferencial da costa galega é un signo que nos identifica. Os nosos faros, portos, especies pesqueiras, gastronomía, paisaxe, costumes e tradición mariñeira,… pero sen dúbida, os naufraxios conectáronnos con diferentes culturas, países e épocas da Historia.
Coñecedores deste potencial, desde os GALP Costa Sostible, Costa da Morte e Golfo Ártabro Sur puxeron en marcha o proxecto colaborativo “RIMARTES. Riquezas do mar, tesouros do profundo” para contribuír ao desenvolvemento económico dos seus territorios apostando por un sector con gran perspectiva como é o turismo experiencial e o buceo recreativo para todos os niveis, desde o snorkel ata o de máis dificultade en profundidades que chegan aos 40 metros. Entre os tres GALP xuntos abarcan uns 300 kilómetros de costa e 25 concellos costeiros como son Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña, Arteixo, A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son.