Presentan un documental sobre a degradación ambiental da Baixa Limia

Ecoloxistas en Acción Ourense presentou o documental “A cara B da Limia” na mesa redonda “Gandería e sostibilidade” celebrada o pasado venres no campus de Ourense
Na mesa redonda, o eixo central do debate xirou en torno á responsabilidade política de quen goberna. Durante os últimos 11 anos, desde o primeiro bloom de cianobacterias, as distintas institucións implicadas e responsables fixeron caso omiso das demandas e protestas, non só de veciñas da Limia e da Baixa Limia, senón de informes de expertos científicos da UCM e do CSIC que evidenciaban a insalubridade das augas e a necesidade de poñer freo ao avance dos vertidos de purins das macrogranxas da comarca da Limia.
No coloquio participaron Samuel Formoso (gandeiro en extensivo e membro do SLG), Carlos Rodríguez (investigador científico e membro da Plataforma Auga Limpa XA) e Isabel Fernández (responsable da campaña de Ecoloxistas en Acción “Os rostros da soia”). A mesa foi presentada pola xornalista Xiana Cid. No acto tamén se presentou o informe “Coa soia ao pescozo” dentro da campaña “Os rostros da soia” que leva a cabo Ecoloxistas en Acción
Os ponentes do faladoiro subliñaron que pese ao grave da situación, a Xunta de Galicia, co silencio cómplice da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, seguiu concedendo autorizacións para novas instalacións ou ampliacións. Isto abocou á terra limiá a un absoluto despropósito ambiental que conleva un gran problema de saúde pública cos pozos particulares e acuíferos contaminados.
Sinalaron que a degradación ambiental tivo máis consecuencias: “A Baixa Limia, territorio emblemático por todo o seu recoñecemento paisaxístico e ecolóxico, viu que unha das únicas entradas económicas que tiña, o turismo, foi desaparecendo”.
Tamén se falou das alternativas socio económicas para a comarca limiá. Fronte aos prexuizos que causa o modelo gandeiro intensivo da Limia está a gandería extensiva a que “permite vivir nos pobos, a que trae poboación ao rural, a que coida das leiras, das augas e dos animais, mantén limpos os camiños e mantén vivas as tradicións”. Pero en torques, esta actividade, máis respectuosa co medio, non é á que se apoia institucionalmente, nin a máis subvencionada.
Lembraron que ante a inacción das administracións, como consumidoras temos o dereito a coñecer cal é a cadea do sistema alimentario que hai detrás da carne que mercamos e poder facelo así con responsabilidade ecolóxica.
O documental presentado por Ecoloxistas en Acción Ourense durante a mesa redonda recolle declaracións testemuñais das veciñas e veciños que atopan na ineficacia das administracións e no despropósito empresarial do sector gandeiro unha merma da sostibilidade.
Na reportaxe lembran que cando no ano 2011 prodúcese a primeira gran explosión evidente de cianobacterias, ninguén en Galicia daba explicacións, nin as autoridades políticas nin as científicas. Foi Eduardo Costas, catedrático de Xenética na Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid quen fixo unha análise de isótopos estables de nitróxeno e fósforo para evidenciar os resultados da contaminación do encoro asesorando á plataforma Auga Limpa XA.
“Levamos 11 anos de inoperancia. Silenciados polos medios de comunicación e procurando obtér informes e documentos aos que é complicado acceder. Non hai actuación de oficio por parte da Fiscalía ante unha situación que se asemella ao acontecido recentemente no mar Menor” denuncia un dos veciños que intervén no documental.
No documental queda patente que o SEPRONA non ten operativos suficientes para atender a todas as denuncias que se producen no momento no que unha cisterna cisca o purín por terras da Limia, agora tamén van a terras de Maceda e de Allariz.
Ecoloxistas en Acción denuncia que “a sociedade civil está farta de aturar as evidencias, de seren desatendidas, da asfixia do poder político ao rural. Temos parte de responsabilidade cun papel activo de protesta e mobilización pero, desde logo, a situación da Limia e do encoro das Conchas non é culpa da sociedade”.