Rego propón que o Congreso convide a Brahim Gali en apoio á causa saharaui

Considera que sería de xustiza como un xesto “de apoio á causa saharauí e a unha solución xusta e duradeira ao conflito que permita ao pobo saharauí vivir en paz e liberdade”

O BNG rexistrou unha iniciativa para que o Congreso convide o presidente da República Árabe Saharauí Democrática ( RASD), Sr.  Brahim  Gali, a intervir ante o Pleno da Cámara como xesto de apoio á causa saharauí e como forza de impulsar o desbloqueo do referendo de autodeterminación que permita ao pobo saharauí decidir libremente o seu propio futuro. Néstor Rego lembra que o Estado español ten unha responsabilidade histórica co pobo saharauí.

O BNG lembra na súa iniciativa que o Sáhara Occidental é un pobo ocupado desde hai máis de 150 anos, primeiro por España e desde 1975 por Marrocos, momento en que, seguindo as resolucións das Nacións Unidas, o Estado español debeu descolonizar, recoñecendo a súa independencia. Pola contra, en novembro dese ano asinou o vergoñoso Acordo Tripartito de Madrid, polo que se procedía a repartir o territorio do Sáhara entre Marrocos e Mauritania. Posteriormente, e tras a retirada mauritana, Marrocos ocuparía a maior parte do territorio saharauí.

O deputado nacionalista, Néstor Rego, salienta que desde que en maio de 1973 foi fundada a Fronte Polisario, “o pobo saharauí leva 50 anos loitando de forma ininterrompida pola súa liberdade, nas últimas 9 décadas, e en condicións moi difíciles, contra o invasor marroquí” e lembra que Estado español, ten unha responsabilidade histórica co pobo saharauí, que deriva directamente da ocupación do territorio durante máis de 100 anos e do feito de non proceder á descolonización en 1975.

Por iso, “a única posición razoábel é apoiar todos os esforzos para desbloquear o referendo de autodeterminación que permita que o pobo saharauí decida libremente o seu propio futuro. Ademais, é urxente que o Goberno español exixa a Marrocos o respecto aos dereitos humanos da poboación saharauí que vive nos territorios ilegalmente ocupados do Sáhara Occidental”, sinala Rego.

O deputado do BNG destaca que na súa loita, o pobo saharauí non só ten do seu lado a razón, “tamén a legalidade internacional en forma de resolucións da ONU e a creación da  MINURSO para a celebración dun referendo de autodeterminación que tería que terse realizado en 1992 e aínda a simpatía e o apoio dos pobos do mundo, que valoran e aplauden a dignidade coa que o pobo saharauí resiste e mantén a súa aspiración para vivir en paz e en liberdade na súa propia terra, nun estado soberano”.

Rego lembra que en Galicia, moitas institucións se pronunciaron en apoio da loita do pobo saharauí pola autodeterminación, entre outras o Parlamento de Galiza que aprobou diversas declaracións institucionais -por tanto, unánimes- nese sentido.

Mais, para o BNG, para alén do evidente apoio cidadán á causa saharauí, tamén ficou en evidencia en diversos debates no Congreso -tanto en Comisión como en Pleno- o apoio maioritario das forzas políticas a unha solución xusta e duradeira, sobre a base das resolucións da ONU, que permita ao pobo saharauí vivir en paz e liberdade.

É por iso que Néstor Rego cre de xustiza que o Congreso dos Deputados convide o presidente da República Árabe Saharauí Democrática ( RASD), Sr.  Brahim Gali, a intervir ante o Pleno da Cámara “como xesto de apoio á causa saharauí e para escoitar unha voz digna en defensa da liberdade, a democracia e os dereitos do pobo saharauí e de todos os pobos do mundo”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.