San Pedro de Visma acollerá a terceira proba do circuíto Coruña Corre

O prazo de inscrición para a carreira que se celebrará o domingo 8 de maio ábrese este venres ás 12.00 horas

A terceira proba do circuíto de carreiras populares Coruña Corre celebrarase o próximo domingo 8 de maio cun percorrido que terá como eixe o barrio de San Pedro de Visma. A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou este venres a carreira no centro cívico municipal deste barrio.

O prazo de inscrición para as diferentes categorías está aberto desde as 12.00 horas deste venres. Pecharase o 1 de maio ás 23.59 horas. O custo para participar nesta carreira é de 3 euros para os maiores de 18 anos e 2 euros para as persoas desempregadas, maiores de 65 anos e posuidores do Carné Xove, sen incluír o chip. Os menores de 18 anos poderán participar de balde.

A proba absoluta será ás 10.30 horas e sairá da rúa San Pedro de Visma. Percorreranse un total de 6.490 metros. Haberá seis carreiras máis de categorías inferiores, que comezarán ás 11.35 horas e cunha distancia de entre 2.300 e 110 metros.

Circuíto Coruña Corre

A de San Pedro de Visma será a terceira proba do circuíto Coruña Corre, que xa pasou por Matogrande e a Torre de Hércules. Todas as persoas inscritas ata o de agora no circuíto deberán confirmar a súa participación nesta proba, como recolle o regulamento. Ata o de agora hai máis de 1.300 persoas apuntadas, que poderán competir nas carreiras populares dos próximos meses.

Por outra banda, permanece aberto o prazo de inscrición no circuíto, xa que só é necesario participar en catro probas das sete para figurar nas clasificacións finais. A data límite será o 1 de maio ás 23.59 horas. O custo da inscrición é de 12 euros para maiores de idade e de 7 euros para persoas desempregadas, de máis de 65 anos ou posuidores do Carné Xove. A inscrición é de balde para os menores de 18 anos.

Este é o calendario previsto para o circuíto Coruña Corre:

● VI Carreira Popular de Matogrande (23 de xaneiro).

● X Carreira Popular Torre de Hércules #ImportaEMoito (26 de marzo).

● XIII Baixada Popular Cross San Pedro de Visma (8 de maio).

● IX Carreira Popular Os Rosales (22 de maio).

● IX Carreira Popular Volta a Oza (11 de setembro).

● VIII Carreira Popular Ventorrillo (23 de outubro).

● X Carreira Popular Novo Mesoiro (27 de novembro).

O circuíto Coruña Corre finalizará coa celebración, o 15 de decembro, da gala anual coa correspondente entrega de premios.

Coruña Corre en Pista

Por outra banda, este sábado disputarase no estadio universitario de Elviña a segunda xornada do circuíto Coruña Corre en Pista. O club «La mochila del deporte» será o encargado de organizala.

As primeiras probas empezarán ás 10.15 horas. A xornada acabará pouco despois das 14.00 horas. Haberá probas de triplo salto, lanzamento de peso, de xavelina, 200 metros, 300, 500, 800, 1.000, 300 e 400 valos e 1.500 e 3.000 obstáculos. Participarán case 350 atletas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.